Samsung leva a pantalla infinita a modelos básicos cos novos J6 e J8

Desde o Samsung Galaxy S8 moitos dos terminais da firma surcoreana adoptaron un novo formato de pantalla hoxe en día popular, no que se aposta polos marcos reducidos e unha pantalla alongada e infinita. Agora o fabricante achega estes deseños tamén á gama máis básica, cos novos J6 e J8.

Samsung Galaxy J6

O Galaxy J6 leva un panel de 5,6 polgadas con resolución HD+ (1480 x 730 píxeles) e formato 18.5:9. No seu interior integra un procesador de oito núcleos, o Exynos 7870, con GPU Mali T830, xunto con opcións de 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ou 4 GB + 64 GB, en ambos casos ampliábeis por microSD.

Leva lector de pegadas dixitais na parte traseira, unha batería de 3000 mAh de capacidade e cámar principal de 13 megapíxeles, con flash LED e apertura f/1.9. No caso da cámara dianteira temos un sensor de 8 megapíxeles, tamén con flash e f/1.9.

Samsung Galaxy J8

Pola súa banda, o Galaxy J8 sube até as 6 polgadas, aínda que mantendo a calidade HD+ (1480 x 720 píxeles). O procesador pasa de ser un modelo de Samsung a unha opción de Qualcomm, o Snapdragon 480, de oito núcleos a 1,8 GHz con GPU Adreno 506. Dispón de 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna.

No apartado fotográfico aposta por un sensor dobre traseiro, sendo o primeiro modelo da serie J en contar con tal característica. En concreto, falamos dun sensor principal de 16 megapíxeles con apertura focal f/1.9 e outro secundario de 5 megapíxeles con f/1.9 e flash LED. Na parte dianteira leva unha cámara de 16 megapíxeles con f/1.9, tamén co seu correspondente flash LED.

A batería é de 3500 mAh de capacidaade, dispón de Bluetooth 4.2 e leva Android 8 con interface Samsung, ao igual ca o J6.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora, tanto o Galaxy J6 como o Galaxy J8 están confirmados na India, aínda que con toda seguridade chegarán proximamente a outros mercados. Ambos os dous poderanse mercar en negro, dourado e azul, cores coas que Samsung está a experimentar nos seus últimos modelos.

En canto a prezos, do J6 non temos coñecemento, mais o J8 queda a uns 240 euros ao cambio.

Sobre o autor

One Response

  1. Rubenix 25 Maio, 2018 Responder

Reply