Blu é un fabricante até o de agora pouco coñecido no noso país, aínda que nos Estados Unidos leva anos comercializando teléfonos, especialmente a través da cadea de tendas BestBuy e sitios como Amazon. Porén, desde hai uns meses patrocina ao Valencia CF, polo que a súa presenza cada vez é máis notoria no territorio español. Os dous últimos modelos en chegar ao noso mercado son os Blu Vivo X e Blu Pure View, terminais de gama entrada e media orientados a competir nese segmento que máis unidades move.
Blu Vivo X
O primeiro dos modelos é o máis potente dos dous, e destaca pola súa pantalla con formato 18:9 e o seu sistema de dobre cámara, tanto na parte frontal como na traseira. O resto de características fan que esteamos ante un terminal non especialmente ambicioso.
Como diciamos, a súa pantalla leva o formato 18:9, cada vez máis universalizado, e conta cun tamaño de 6 polgadas e resolución HD+ (1440 x 720 píxeles). No seu interior temos un procesador de MediaTek, o modelo Helio P25, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD até un máximo de 64 GB adicionais.
No apartado fotográfico leva un sistema de dobre cámara na parte traseira formado por sensores de 13 e 5 megapíxeles con apertura f/2.0, mentres que na parte dianteira temos a combinación dunha cámara de 20 megapíxeles e outra de 8 megapíxeles, tamén con apertura f/2.0.
A batería é de gran capacidade, 4010 mAh, e dispón de carga rápida. Ademais tamén leva WiFi de dobre banda, Bluetooth 4.2 e lector de pegadas dixitais. Poñendo orde a todo isto, Android 7.0 Nougat,
Blu Pure View
Por outra banda temos o Blu Pure View, un modelo máis sinxelo para as usuarias que queren manter unha pantalla con formato 18:9 pero non gastar tantos cartos non móbil. Vexámolo máis polo miúdo.
O Pure View baixa o tamaño da pantalla até as 5,7 polgadas, aínda que mantendo a resolución 1440 x 720 píxeles. O procesador é algo máis sinxelo, tamén de MediaTek (MT6753), e as memorias RAM e interna baixan até os 3 e 32 GB, respectivamente, sendo ampliábeis a través de tarxetas microSD.
A cámara traseira é agora un sensor único de 13 megapíxeles, mentres que na parte dianteira mantense a combinación dual, aínda que con cámaras de 8 megapíxeles. A batería tamén decrece en capacidade, quedando nos 3000 mAh con carga rápida. Leva Android 7 Nougat e sensor de pegadas dixitais.
Dispoñibilidade e prezo
O Blu Vivo X xa está dispoñíbel de maneira oficial no noso país por 279 euros, mentres que o Blu Pure View chegará o 4 de xuño por 159 euros. En ambos casos poderemos facer con eles a través da tenda oficial online da marca, aínda que proximamente tamén estarán dispoñíbeis a través de varisos distribuidores.