Os Sony Xperia Ear Duo xa se poden mercar no noso país por 279 euros

Sony vén de poñer á venda no noso país os seus auriculares sen fíos, os Sony Xperia Ear Duo, que destacan especialmente pola súa funcionalidade de escoita dual (“dual listening”), grazas á cal se pode escoitar música ao tempo que se disfruta do son ambiente.

Fabricados nunha combinación de aluminio e caucho, os auriculares de Sony son bastante máis grandes que outras alternativas, como os Icon X de Samsung ou os Airpods de Apple. Estes acóplanse na parte baixa do oído, evitando así as posíbeis molestias ás persoas que usan gafas, e son resistentes á auga segundo o estándar IPX2.

Porén, o gran factor diferencial atopámolo no software a nas súas funcións especiais, como “Anytime Talk”, co que se poden crear grupos de WhatsApp aos que mandar mensaxes coa voz ou co recoñecemento de xestos coa cabeza.

Ademais, os Xperia Ear Duo proporcionan información sobre reunións, horarios, localización ou tarefas pendentes, como un asistente persoal, que ademais é compatíbel con Google Assistant e con Siri, o asistente de Apple.

Grazas aos seus sensores pódese contestar ou rexeitar unha chamada asentindo ou xirando a cabeza, ou pasar de canción movéndoa cara a dereita ou á esquerda. E cos seus catro micrófonos é quen de illar o son da voz, filtrando o ruído externo para conseguir un son moito máis puro.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos auriculares de Sony pódense mercar en dúas cores, negro ou dourado, a través de El Corte Inglés, tanto nos seus establecementos físicos como na súa páxina web. O seu prezo é de 279 euros.

Sobre o autor

Reply