Coa chegada do verán, unha das épocas nas que moita xente aproveita para pasar uns días fóra da casa, a operadora Orange vén de anunciar o lanzamento de “WiFi Conmigo”, un servizo destinado a que as súas clientas poidan disfrutar de datos adicionais gratuítos nas súas liñas para conectarse fóra da casa, e que ademais tamén é válido para usar durante as viaxes fóra do Estado español, cando se atopen en roaming pola Unión Europea, Islandia, Noruega ou Liechtenstein.
Unha vez que se activa o servizo, as clientas de Orange disfrutarán de 3 GB de datos na liña que se elixa da tarifa Love (os produtos converxentes da marca laranxa) para consumir ese mesmo día até as 00.00h do día seguinte. No caso de rematar esa franquía de datos extra, as usuarias poderán serguir navegando conforme ao plan que teñan contratado.
“WiFi Conmigo” está incluído de forma gratuíta nas tarifas Love, aínda que as limitacións depende do que se teña contratado. No caso das clientas con tarifas Love Sin Límites, Love Familia Sin Límites e Love Familia Total teranse 10 días de uso por ano, mentres que no resto de tarifas Love queda limitado a 5 días por ano.
A galega R sementou o precedente
A proposta de Orange non é nova en Galiza, xa que a operadora R comercializa desde hai algún tempo un servizo moi semellante chamado “Internet comigo”, máis ambicioso. Así, R ofrece dous bonos por ano de 15 GB para disfrutar de maneira gratuíta durante 15 días após o momento da activación. Este servizo está dispoñíbel para calquera liña de móbilR ligada a un combo ou mambo, e como única limitación temos que non se pode usar fóra do territorio español.