Coa chegada do verán Vodafone vén de anunciar a renovación do seu portfolio de smartphones de gama branca, concretamente o segmento máis económico. Trátase dos modelos Vodafone Smart N9 e Smart N9 Lite, dous dispositivos que adoptaron algunhas das características máis demandadas neste 2018, como a pantalla con formato 18:9. Ademais, o modelo máis económico aposta por Android Go, a versión lixeira de Android para os teléfonos que contan cun hardware máis sinxelo.
Vodafone Smart N9
O Smart N9 leva unha pantalla IPS de 5,5 polgadas, con resolución 720 x 1440 píxeles e unha densidade de 293 ppp. No seu interior leva un procesador MediaTek, en concreto o modelo MT6739WA, de catro núcelos a 1,28 GHz. A súa RAM é de 2 GB, e a memoria de 16 GB, aínda que ampliábeis mediante microSD de até 32 GB.
No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 13 megapíxeles con flash LED e capacidade de gravar vídeo a 1080p, mentres que a frontal queda nos 5 Mpx. A conectividade vén dada por 4G (até 150 Mpxs),mais tamén dispón de sensor de pegadas dixitais, NFC e Bluetooth 4.2. A súa batería sitúase nos 2900 mAh de capacidade.
Vodafone Smart N9 Lite
O N9 Lite é unha versión máis sinxela, que ve como se recortan algunhas das características do modelo principal. Así, a súa pantalla queda nas 5,34 polgadas, a batería baixa até os 2460 mAh e a RAM queda en 1 GB. Tamén perde outras prestacións como o sensor de pegadas dixitais, e as súas cámaras son de 8 e 5 megapíxeles para principal e frontal, respectivamente.
No apartado software atopámonos con que se trata dun modelo “Android Go”, é dicir, unha versión algo máis lixeira do sistema operativo orientado aos modelos máis modestos. Así mesmo, as principais aplicacións de Google tamén veñen preinstaladas nunha versión alixeirada.
Dispoñibilidade e prezo
O Vodafone Smart N9 pode adquirirse ligado a calquera tarifa de Vodafone por 5,50 €/mes, cun compromiso de permanencia de 18 meses. Quen prefira pagalo de vez, ou se se trata dun cliente de prepago, o prezo é de 132 euros.
Pola súa banda, o Smart N9 Lite pode adquirirse libre ou en prepago por 96 euros, ou en cotas de 4 € durante 18 meses.