Google Home: á venda en España o 20 de xuño

Hai uns días Google actualizou os seus Google Home para engadir soporte para novos idiomas, entre eles o español, o que fixo pensar que o seu lanzamento no Estado español podería ser inminente. Agora, fontes contrastadas de Mallando no Android véñennos de confirmar que xa hai data: será o 20 de xuño cando, por fin, poidamos mercar os Google Home e Google Home Mini no noso país.

Estamos a falar dos altofalantes intelixentes de Google, que nos permiten levar a cabo toda unha serie de actividades moi ligadas ao Google Assistant, que como xa temos comentado a partir do Mobile World Congress, é o gran foco de atención de Google, e moitos outros partners, neste 2018.

Cos Google Home na nosa casa, configurados coa nosa conta de Gmail, poderemos interactuar do mesmo xeito que usamos Google Assistant no noso móbil, é dicir, para preguntarlle cuestións xenéricas (“Canto mide a Torre de Hércules?” “Cantos anos ten Bebeto?”, …) ou ben cousas máis concretas, como a nosa axenda ou información no noso correo.

Porén, a idea vai máis aló, porque de termos máis dispositivos configurados (por exemplo, os enchufes intelixentes de Archos ou algún sistema de iluminación conectado), a utilidade vai máis aló: “Ok Google, acende a cafeteira”, “Ok Google, baixa a intensidade da luz e activa Netflix” ou “Ok Google, ponme a miña lista de reprodución favorita en Spotify”.

Polo de agora, Google Home (e a súa versión Mini, máis sinxela en canto a calidades de son), non fala galego nen ningún dos outros idiomas cooficiais ao español do Estado. Porén, segundo puidemos saber desde Mallando no Android, a compañía de Mountain View tamén está traballando na súa incorporación, mais será algo que pasará a medio prazo.

Google Home por 149 euros, versión Mini por 59

En canto aos prezos, a versión estándar de Google Home custará 149 euros, mentres que o modelo “Mini” chegará por 59 euros. Poderanse mercar tanto online como a través de varios retailers en tenda física, estando dispoñíbel en gris e branco ou en dúas variantes se falamos da versión Mini: gris clariño e gris escuro.

Sobre o autor

Reply