Pepephone volve mellorar a “Inimitable”, desta vez con máis datos

Pepephone vén de sumarse á crecente listaxe de operadoras que están a mellorar, ben de forma promocional ou ben de forma definitiva, as súas tarifas neste período de verán, e desta vez tócalle a unha das súas tarifas máis emblemáticas, a “Inimitable”.

No seu momento esta tarifa supuxo un importante avance ao ofrecer un gran número de minutos (1001 minutos) e 19 GB de datos, límite tras o cal as usuarias tiñan que pagar polo que falaran e pola navegación. Tempo despois estes límites serían modificados, dunha banda facendo os minutos ilimitados e, por outra, reducindo a velocidade ao rematar a franquía de datos incluída, movementos que foron moi ben acollidos pola clientela da operadora dos lunares.

Desta vez o cambio afecta á cantidade de datos que inclúe a tarifa, que pasa a ter 4 GB máis para acadar os 23 GB. Así que desde este momento, as persoas que teñan contratada esta tarifa (ou as que se porten a Pepephone, xa que a compañía non fai distinción), verán mellorada a súa oferta ao poder disfrutar de chamadas ilimitadas e 23 GB de datos por 19,90 euros ao mes.

Este movemento chega días despois de que Telefónica anunciase o lanzamento da nova marca O2 no noso país, que conta cunha tarifa moi atractiva de 20 GB + chamadas e sms ilimitados por 20 €/mes. Se botamos un ollo á competencia máis directa, Simyo, Yoigo e móbilR ofrecen 25 GB de datos e chamadas ilimitadas por 29, 32 e 35 €/mes respectivamente, mentres que Lowi e Tuenti ofertan 20 GB e ilimitadas por 25 €/mes, en ambos casos.

Polo tanto, a falta de que as outras marcas reaccionen, a tarifa de Pepephone pode seguir autodenominándose “Inimitable”, pois é a que ofrece unhas mellores condicións. A compañía, hoxe unha das marcas dentro do paraugas de Másmóvil, emprega como rede principal a de Yoigo, aínda que se apoia nas de Orange e Movistar para chegar onde non hai cobertura.

Sobre o autor

Reply