Analizamos o LG G7 ThinQ

O 2018 está sendo un ano moi interesante no ámbito dos smartphones, xa que moitos fabricantes aproveitaron para subir o nível, en grande medida pola forte competencia nun mercado no que cada vez é máis difícil destacar. Unha desas apostas máis interesantes é o LG G7 ThinQ, un modelo que combina as prestacións máis altas en hardware con detalles que fanque sexa diferente a outras alternativas. Vexámolo máis polo miúdo.

Deseño, acabado e conexións

Malia ser un teléfono grande, o LG G7 ThinQ é un modelo que non resulta excesivo nas mans, o que se xustifica polo seu deseño de pantalla alongada. Por diante, o que destaca é o notch superior, aínda que quen prefira agochalo pode facelo mediante software, cubríndose cunha barra negra. En canto ás botoneiras, temos o botón de acendido no lateral dereito e os controis de volume e un adicado a Google Assistant no contrario, do lado esquerdo.

Na parte traseira destaca a dobre cámara co seu flash e láser e, debaixo, o lector de pegadas dixitais. Se imos á parte inferior temos o conector jack 3.5 de audio, xunto co USB tipo C e o altofalante.

Os acabados son en cristal e aluminio, o que ofrece unha sensación de gran calidade, e certamente na cor que nos tocou para analizar (azul) o dispositivo é moi fermoso, posto que dependendo de como lle dé a luz vai mudando a tonalidade.

Hardware e rendemento

A diferenza do acontecido con outros modelos da serie G nos que foron algo máis conservadores, desta vez LG apostou por incorporar o último (e mellor) dos procesadores de Qualcomm até a data, o Qualcomm Snapdragon 845. Xunto a el, dúas alternativas de memorias, 4 GB de RAM e 64 GB de interna no G7 e 6 GB + 128 no G7+, que en ambos casos poden ampliarse a través de tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade.

En canto ao son, temos que destacar a presenza dun altofalante BoomBox e do sistema Hi-Fi Quad DAC para o audio. E xa completando a listaxe de especificacións temos USB-C, NFC, sensor de pegadas dixitais, radio FM, jack para auriculares, e protección IP68 para líquidos e pó.

Que podemos dicir deste hardware? Pois basicamente que pode con todo. Durante as nosas probas conseguimos que o terminal funcionase de maneira correcta en todo tipo de situacións, con transicións rápidas entre pantallas e sen lag en ningún caso.

Pantalla

A pantalla é unha das grandes apostas de LG, non en van, en toda a publicidade do dispositivo fálase dunha “tele de 6 polgadas”. Realmente a pantalla é de 6,1 polgadas, e se trata dun panel LCD FullVision con resolución 3120 x 1440 píxeles e brillo de 1000 nits. Ah, e notch. LG subiuse ao carro dos fabricantes que, de cara a aproveitar case toda a pantalla aplican un recurte na parte superior, reservando ese espazo para integrar a cámara frontal, o altofalante e diversos sensores. Que opinamos disto? Ben, é algo para gustos…

Se falamos de calidade, atopámonos cun panel que representa as cores con moita fidelidade, aínda que tamén podemos manexar de maneira manual a temperatura de pantella. En canto ao brillo, temos que destacar eses 1000 nits que pode acadar, aínda que ten algo de truco, xa que para obtelos hai que activalos de forma manual. En calquera caso, e sen chegar a ese extremo, a xestión automática do brillo é moi boa e nos permite empregar o móbil sen problema en calquera ambiente, con independencia da luz incidente.

Cámara

O apartado fotográfico é un dos máis coidados polos fabricantes, dado que, ao final, todas usamos os nosos smartphones como cámara principal. Nese camiño, LG foi perfeccionando a cámara dos seus trebellos desde os primeiros modelos da serie G, e hoxe aposta por un sistema de dobre cámara traseira formado por lentes de 16 megapíxeles, unha con apertura f/1.9 e outra con f/1.6 gran angular. Do outro lado, a cámara dianteira é de 8 megapíxeles con apertura f/1.9, tamén gran angular.

A cámara principal dispón de estabilización mecánica de imaxe, autoenfoque láser e de detección de fase, ademais do modo HDR automático. Así mesmo, admite traballar en modo manual, permitindo axustar todos os valores, e activar o modo de gardado en RAW.

O modo gran angular segue a ser un dos factores diferenciais de LG, xa que permiten captar un campo moito maior que a a competencia e, desde logo, fan que queiramos usalo en moitísimas ocasións.

En canto aos resultados, atopámonos con que o LG G7 ThinQ compórtase moi ben en practicamente todas as situacións, conseguindo un gran nível de detalle. A través da intelixencia artificial ThinQ consegue detectar até 19 escenas diferentes, aplicando os axustes necesarios para sacar a mellor foto en cada caso.

Se falamos da cámara dianteira, quedámonos cunha sensación un pouco máis agridoce, xa que queda un pasiño por detrás do agardado. En calquera caso, é unha cámara moi resultona, que se ben non é a mellor da súa gama, queda bastante ben posicionada.

Podeds ver unha selección de fotos tomadas con este dispositivo no noso Flickr.

Software

Se falamos do sistema operativo, como non podía ser menos nun terminal desta gama, o G7 ThinQ leva Android 8.0 – Oreo, aínda que cunha capa de personalización de LG que, tal e como fomos vendo nos últimos anos, evolucionou para ser algo máis superfluo que antaño. Trátase de UX 6, que non incorpora o clásico caixón de aplicacións.

Ademais, neste punto temos que falar de todo o que ten a ver coa intelixencia artificial, que LG integra no seu dispositivo de varios xeitos, moitos deles ligados á cámara. Ademais, tamén colabora con Google integrando Lens e Google Assistant, as grandes apostas de IA da marca do buscador. Todo este abano de cousas son as que levan a que teñamos ese apelido ThinQ no nome do dispositivo.

Batería

A batería é de 3000 mAh de capacidade, unha cantidade que certametne sobre o papel pareceunos un tanto escasa. Porén, durante as nosas probas puidemos comprobar que esta pila resultou suficiente para pórse á altura en autonomía cos modelos semellantes, mesmo incluso por riba dalgún con maior capacidae.

Como non podía ser de outro xeito, dispón de carga rápida, e tamén de carga sen fíos, unha característica que polo de agora só levan modelos de gama alta.

Conclusións

Buscas un móbil de gama alta? O LG G7 ThinQ debe estar entre as túas opcións. Trátase dun terminal moi completo á altura do que poderíamos pedirlle a un modelo do seu rango: deseño, potencia, pantalla e cámara. Ah! E son! Case se nos esquecía lembrar que os seus altofalantes conseguen ofrecer un son de gran calidade mesmo con volumes altos, o que nos pareceu todo un acerto para as persoas que usan o seu teléfono para consumir multimedia ou xogos.

Desde logo, unha opción a recomendar que podemos mercar a partir de 849 euros. Que vos parece a vós?

Sobre o autor

No Responses

Reply