Xa á venda o novo Huawei Y5 2018

Ao igual que fixo Samsung anos atrás, Huawei marcouse como prioridade neste 2108 inundar o mercado de terminais para maquillar as cifras de venda cun único obxectivo: tratar de sacarlle ao fabricante surcoreano a coroa en número de unidades vendidas que ostenta desde hai anos. Para conseguilo, os chineses sacan artillería anunciando móbiles sen apenas novidades nin diferenzas entre eles para ter un dispositivo en cada segmento psicolóxico de prezo.

Boa mostra disto é o Huawei Y5 2018, o último modelo da marca en pórse á venda no noso país. O trebello vén cunha pantalla FullView de 5,45 polgadas con formato 18:9 e calidade HD+. No seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, un MediaTek MT6739, xunto con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

Se nos fixamos no apartado fotográfico temos unha cámara traseira de 8 megapíxeles e unha frontal que fica nos 5 megapíxeles. A batería é de 3020 mAh de capacidade e vén con Android 8.0, aínda que aderezado coa capa de personalización de Huawei, EMUI 8.0.

Como pode extraerse da súa folla de especificacións, o novo trebello de Huawei non supón nada novo dentro da gama do fabricante, máis aló de levar a pantalla infinita (e todo o márketing detrás do “desbloqueo facial” en trebellos inseguros) a unha gama de acceso. Iso si, cabe destacar que o seu prezo é bastante acorde ás súas especificacións, pois está dispoñíbel por119 euros.

Sobre o autor

Reply