Oppo chega ao noso país cos modelos R15 Pro e A3

A  compañía chinesa Oppo vén de anunciar o seu desembarco de novo no noso país con dous modelos para afrontarse a dúas gamas ben diferentes. Son os Oppo R15 Pro e Oppo A3, e poderémolos mercar a partir do 18 de xullo a través das canles oficiais.

Oppo R15 Pro

O Oppo R15 Pro é un modelo moi equilibrado polas súas prestacións. Está equipado cunha pantalla OLED de 6,28 polgadas con resolución FullHD+ (2280 x 1080 píxeles) e formato 19:9, e no seu interior leva un procesador de oito núcleos de Qualcomm, o Snapdragon 660 (catro núcleos a 2,2 GHz Kyro 260 e outros catro a 1,8 GHz Kyro 260), xunto con 6 GB de RAM, 128 GB de memoria interna (ampliábel mediante tarxetas microSD de até 256 GB).

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira dual, formada por un sensor principal Sony IMX519 (de 16 Mpx con flash LED, apertura f/1.7 e tamaño de sensor 1/2.6”) e outro secundario de 20 megapíxeles con apertura f/1.7. No caso da cámara frontal temos un sensor de 10 Mpx con apertura f/2.0.

Do resto de especificacións destaca o sensor de pegadas dixitais, os 3400 mAh de batería con carga rápida VOOC Flash, o USB Tipo C e o sistema de WiFi dual. Sae á venda con Android 8.1 (Oreo), aínda que aderezado coa personalización ColorOS 5.0.

Oppo A3

Doutra banda temos o Oppo A3, un modelo que se mantén nas grandes dimensións pero que reduce as súas especificacións, tanto no apartado da potencia como no fotográfico.

Este trebello leva unha pantalla TFT IPS de 6,2 polgadas FullHD+ (2280 x 1080 píxeles) e procesador octacore, aínda que neste caso de MediaTek, o modelo Helio P60 a 2 GHz. Xunto a el, 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis.

A cámara principal é de 16 megapíxeles, con flash LED e apertura f/1.8, e a dianteira de 8 Mpx con apertura f/2.2. Se falamos de batería, temos 3400 mAh de capacidade, e tamén vén con Android 8.1 con ColorOS 5.0

Dispoñibilidade e prezos

Como xa avanzamos, os dous modelos poranse á venda o próximo 18 de xullo a través dos distribuidores oficiais, MediaMarkt, Fnac e El Corte Inglés. Poderemos facernos con eles por 299 euros, no caso do Oppo A3, ou 649 euros se nos decantamos polo Oppo R15 Pro.

Sobre o autor

Reply