O fabricante taiwanés Asus vén de anunciar o novo ZenFone 5Z, un trebello que destaca pola potencia que lle outorga o procesador que inclúe, o Qualcomm Snapdragon 845, e polo apartado fotográfico, apostando polo uso da cámara dobre traseira e a integración da intelixencia artificial en moitos para potenciar moitas das súas funcións.
O novo modelo de asus vén equipado cunha pantalla IPS de 6,2 polgadas con resolución Full HD+ e soporte para a gama de cor DCI-P3. No interior temos o Snapdragon 845 que xa comentamos, fabricado en 10 nm e con arquitectura 64 bits. Ademais leva o sistema de intelixencia artificial Qualcomm AIE e GPU Adreno 630. Se falamos das memorias, temos 8 GB de RAM e 256 GB de memoria interna, unha capacidade moi elevada pero pola que cada vez apostan máis fabricantes.
A fotografía é un dos aspectos máis coidados por Asus neste modelo, e na parte traseira temos unha cámara dobre. A lente principal desta é o sensor tope de gama de Sony, o IMX363, con píxeles de 1,4 um, lente de 6 elementos e apertura f/1.8, mentres que a secundaria ten un campo de 120 graos, proporcionando un campo visual o dobre de amplo que as cámaras estándar, para poder captar unha porción maior da paisaxe ou grupos de persoas numerosos. Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 8 megapíxeles con apertura f/2.0 e 84º de campo visual. Trátase dunha lente de 24 mm, unha distancia focal equivalente a unha cámara analóxica de 25 mm, e que permite realizar o desbloqueo facial.
Moitas da prestacións ligadas á intelixencia artificial do trebello están orientadas á cámara. Isto permite que o sistema sexa capaz de adaptarse e aprender mellorando as fotos continuamente. Así, ofrece AI Scene Detection para analizar o suxeito e empregar unha ou outra configuración de cámara dependendo do que teña diante, retrato en tempo real para tomar primeiros planos de persoas e obxectos e un modo pro para controlar manualmente os parámetros.
Completan a listaxe de especificacións o Bluetooth 5.0, NFC, WLAN a/b/g/n/ac, dobre SIM, sensor de pegadas dixitais, sistema de satélite GPS e GLONASS, batería de 3300 mAh con AI Charging e carga rápida e Android 8.0 Oreo con Asus ZenUI 5.0
Dispoñibilidade e prezo
O novo Asus Zenfone 5Z xa está dispoñíbel no noso país por 599 euros, un prezo moi atractivo se atendemos á configuración que leva. Pódese mercar en dúas cores, azul medianoite e prata meteorito.