Xiaomi Mi A2 e Mi A2 Lite: todo o que sabemos a días da súa presentación

O próximo 24 de xullo Xiaomi anunciará o sucesor do Mi A1, o modelo Android One da compañía. Porén, desta vez o novo trebello non virá só, senón que fará acto de presenza cun modelo “lite” que ve recurtadas as súas prestacións. Isto é o que sabemos dos Mi A2 e Mi A2 Lite.

Xiaomi Mi A2

O novo Xiaomi Mi A2 é un trebello con 5,99 polgadas con resolución Full HD+ (2160 x 1080 píxeles) acabado en 2.5D. No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 660 (oito núcleos a 2,2 GHz) con GPU Adreno 506, 4 GB de RAM e opcións de 32 ou 64 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 128 GB de capacidade.

A cámara traseira está formada por un sensor de 20 megapíxeles con flash LED e apertura f/1.75 e outro de 12 Mpx coa mesma apertura de f/1.7, mentres que na parte dianteira do trebello temos un sensor de 20 Mpx.

Nas opcións de conectividade temos 4G con VoLTE, WiFi de dobre banda, Bluetooth 5 LE e USB Tipo C. Carece de conector jack de audio 3.5 mm, aínda que conserva o sensor de pegadas dixitais. A batería fica nos 3010 mAh de capacidade con carga rápida QuickCharge 3.0.

En canto a prezos, as filtracións apuntan a que a versión con 4 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ficaría nos 299 euros, mentres que o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de interna subiría até os 319 €. Tamén habería unha versión con 6 + 128 GB, por uns 369 €, aínda que é posíbel que non chegue a todos os mercados.

Xiaomi Mi A2 Lite

Doutra banda temos o Mi A2 Lite, un modelo que non é máis ca un Redmi 6 Pro pero con Android One no canto de MIUI no interior. O dispositivo é unha versión recurtada do modelo anterior, cun procesador máis sinxelo e tamén menos pantalla.

En concreto, o Mi A2 Lite leva unha pantalla de 5,84 polgadas con formato 19:9 e resolución FHD+. Dentro integra un procesador Snapdragon 625 xunto con opcións de 3 ou 4 GB de RAM e 32 ou 64 GB de memoria ampliábeis por microSD de até 256 GB.

A nível fotográfica temos a combinación de sensores de 12 + 5 megapíxeles, con f/2.2 e enfoque láser, así como unha frontal de 5 Mpx. Dispón de microUSB e lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira.

En canto a prezos, a falta de confirmación dos oficiais no noso país, pódese adqurir desde China por uns 169 euros na versión de 32 GB e sobre 189 na de 64 GB.

Sobre o autor

Reply