Todo o que sabemos do novo Samsung Galaxy Note9

O próximo 8 de agosto Samsung anunciará nun evento global o novo Samsung Galaxy Note9. Trátase da segunda e última gran cita  anual do fabricante surcoreano no que a smartphones se refire, logo do lanzamento da familia Galaxy S9 / S9+ no marco do Mobile World Congress.

A estas alturas, practicamente todas as especificacións hardware do novo dispositivo foron filtradas, así como tamén o seu aspecto físico, dado que xa apareceron imaxes de prensa oficiais. Desta información podemos concluír que o trebello non dista moito do Samsung Galaxy S9+. aínda que novamente contará co S-Pen como gran elemento diferenciador.

O Note9 levará no seu interior o procesador Exynos 8910, xunto con 6 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna de partida. A batería será de 4000 mAh de capacidade, o que supón un aumento considerábel cos terminais predecesores: 700 mAh se o medimos co Note8 e 500 mAh comparándoo co S9+.

No apartado fotográfico teríamos unha experiencia moi parecida ao Galaxy S9+, contano con dúas cámaras na parte traseira, e uha delas levaría apertura mecánica variábel (f/1.5 – f/2.4). Por suposto, terá gravación en 4K a 60 FPS, zoom óptico de dous aumentos e os AR Emojis.

Se falamos da pantalla, o panel aumentará 0,1 polgadas con respecto ao seu predecesor, chegando ás 6,4 polgadas de diagonal, con tecnoloxía Super AMOLED e resolución 2960 x 1440 píxeles. Nese senso, imaxinamos que pouca competencia terá Samsung, dado que os seus paneis son considerados pola gran maioría das analistas como os mellores.

Por último, cómpre falar un pouco do S-Pen. A familia Note non se entendería sen o peculiar lapis de Samsung, que como gran novidade traería Bluetooth para ofrecer novas funcionalidades. Haberá que agardar á súa presentación para coñecer de que se trata.

En canto aos prezos, se temos en conta que o Galaxy S9+ púxose á venda por 949 euros non sería de extranar que o novo Samsung Galaxy Note9 tivera un prezo de partida que, como o seu predecesor, rondase os 1000 euros. Será o 8 de agosto cando poidamos resolver todas estas incógnitas.

Sobre o autor

Reply