Vodafone vén de renovar o seu portfolio de smartphones de gama propia, engadindo dous novos modelos ao seu catálogo. Son os Vodafone Smart N9 e N9 Lite, fabricados coa única intención de axustar o prezo para orientarse a un público que busca dispositivos sem excesivas pretensións.
Vodafone Smart N9
O primeiro dos trebellos é o Vodafone Smart N9, un modelo con pantalla de 5,5 polgadas IPS HD+ (1440 x 720 píxeles) que leva no seu interior un procesador MediaTek MT6739 (catro núcleos a 1,3 GHz), xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.
As súas cámaras son de 13 e 8 megapíxeles, para traseira e frontal respectivamente, e ambas as dúas con flash LED incorporado. A batería queda nos 2900 mAh e dispón de lector de pegadas dixitais, NFC e conectividade 4G.
Vodafone Smart N9 Lite
Doutra banda temos o Vodafone Smart N9 Lite, que comparte procesador e memoria interna co modelo estándar, aínda que baixando a 1 GB de RAM e a 5,32 polgads IPS qHD (960 x 480 píxeles).
As cámaras son, neste caso, de 8 e 5 megapíxeles (tamén con flash LED) e a batería de 2460 mAh. Contra o que puidera parecer, dispón tamén de lector de NFC e 4G, o que permitirá ás usuarias facer pagos co teléfono de maneira doada.
Dous móbiles básicos a bo prezo
Como se pode ver na lista de especificacións, ambos móbiles son modelos sinxelos destinados a un público que non precisa grandes prestacións. Como nota a destacar, o modelo Lite leva Android Go, a versión máis lixeira do sistema operativo, destinado a que os modelos con características máis axustadas ofrezan unha boa experiencia de usuario.
O Vodafone Smart N9 custa 132 euros se o mercamos libre, ou 5,50 €/mes a prazos durante 24 meses. Por outro lado, a versión Lite pódese mercar por 96 euros ou a razón de 4 €/mes durante 24 meses.