No marco do Mobile World Congress de Barcelona o fabricante xaponés Sony anunciou unha nova liña de dispositivos orientados á gama alta: o Sony Xperia XZ2 e o XZ2 Compact. Ambos os dous supoñen un cambio de rumbo na liña seguida polo fabricante nos últimos tempos, con moitos puntos que destacar.
Pola nosa mesa de análises vén de pasar o buque insignia, o Sony Xperia XZ2. A continuación podes ler as nosas impresións.
Deseño, acabado e conexións
Cunhas dimensións de 153 x 72 x 11.1 mm e un peso de 198 gramos, o Xperia XZ2 non compite por ser o trebello máis fino nin o máis lixeiro do mercado, nin tampouco o que menos marcos ten. Iso son loitas nas que, de momento, Sony non quere verse involucrado.
Porén, isto non quere dicir que non haxa novidades con respecto ao deseño dos produtos, xa que, certamente, o XZ2 supón un cambio de rumbo na marca nipona, iso si, sen perder a identidade dos últimos tempos: hai unha redución de marcos (non tan exaxerada como en outras marcas), evita o notch e curva o dispositivo para facilitar o agarre. Isto último era materia obrigatoria, especialmente se falamos dun trebello que supera lixeiramente o centímetro de grosor, e fai que sexa moito máis cómodo de soster na man.
Na parte fontal do dispositivo temos a pantalla coa súa cámara frontal e sensores na parte superior, mentres que na traseira temos a cámara co flash LED e láser de enfoque, así como o lector de pegadas dixitais, situado nunha posición moi central que, sen dúbida, foi o que monos nos gustou do deseño, xa que non está nunha posición cómoda.
Os botóns quedan todos no lateral dereito do trebello (volume, acendido e acceso rápido á cámara). Na parte inferior temos o USB Tipo C e no superior a bandexa para a tarxeta SIM e microSD. O teléfono non integra conector jack de audio 3.5 mm.
Para rematar con este capítulo, comentar que se trata dun trebello sólido e compacto, e como xa vén sendo habitual na marca, con resistencia á auga e pó segundo o estándar IP 65 / 68.
Hardware e rendemento
Equipado con procesador bandeira de Qualcomm nesta primeira parte de 2018 – o Qualcomm Snapdragon 845 – o XZ2 leva 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 400 GB de capacidade. Con estas prestacións, e como todo gama alta que se prece, temos unha experiencia realmente fluída movendo calquera tipo de aplicación ou xogo.
Así mesmo, dispón de WiFi de dobre banda, Bluetooth na súa versión 5.0, USB Tipo C 3.1, NFC para poder efectuar pagos móbiles e lector de pegada dixital.
Pantalla e son
Falemos da pantalla. Sony apostou neste modelo por un panel IPS LCD de 5,7 polgadas HDR con resolución FullHD+ e o ratio 18:9, case convertido nun formato universal. Malia dispór de modelos no seu portfolio que contan con pantallas 4K (Xperia Z5 Premium), Sony amósase conservadora neste modelo, deixando un panel con resolución suficiente, pero non a mellor dispoñíbel.
A experiencia con ela é bastante satisfactoria en termos xerais, aínda que se bota de menos algo de brillo nalgúns aspectos. Así e todo, a través do menú de configuración dispoñemos de diversos opcións para configurar o modo de visionado de certos contidos.
No apartado de son, Sony destaca especialmente fronte á competencia cunha experiencia superior de maneira habitual. Neste modelo cabe pór en valor a integración de HR Audio e o Dynamic Vibration System. Este sistema de vibración dinámica fai vibrar o teléfono dacordo co son, conseguindo unha experiencia realmente inmersiva.
Cámara
Contra todo prognóstico, Sony decidiu mater unha única cámara traseira de 19 megapíxeles Motion Eye, que destaca especialmente pola gravación en super slow motion a 960 fps até FullHD e a gravación en 4K HDR. Doutra banda, a cámara frontal fica nos 5 megapíxeles.
Entre as funcións de cámara temos o Creador 3D, que permite escanera obxectos ou persoas en tres dimensións, e que neste modelo tamén chega ao modo selfie.
Neste apartado notamos bastante a evolución da marca dos últimos anos, nos que Sony pasou de ser un gran fabricante de sensores con un procesado mediocre a mellorar notabelmente este apartado, conseguindo uns resultados moi satisfactorios en practicamente todas as condicións.
Se falamos de vídeo, Sony ofrece unha gran estabilización para que os nosos vídeos non saian (tan) movidos. Porén, o seu punto forte é ser o primeiro smartphone do mundo que pode gravar en 4K HDR, unha técnica que tamén precisa que a pantalla sexa compatíbel con este tipo de formato.
Así mesmo, dispón de cámara súper lenta a 960 imaxes por segundo, destacando que pode facerse a resolución 1080p, mais precisa, como todos os que teñen esta función, que a escena esté ben iluminada para que os resultados sexan correctos.
Pódese consultar unha galería de imaxes tomadas co dispositivo nesta ligazón do noso perfil de Flickr.
Software
Como sistema operativo leva Android 8.1 Oreo. Nos últimos tempos o fabricante xaponés puxo especial énfase neste punto, até chegar a ser dos que máis axiña actualizan ás novas versións do sistema operativo. Isto tamén é posíbel grazas á mellora da capa de personalización propia, que cada vez é máis lixeira e menos invasiva.
Neste apartado, Sony introduce algunhas aplicacións propias, deixando pegada especialmente nas de consumo de multimedia (reprodutores de audio e vídeo, galería…), cámara e xestión da enerxía, como veremos no seguinte apartado. Ademais, se se ten unha PlayStation 4 pódese conectar o mando e usar o móbil como pantalla sen fíos, co único requerimento de estar conectados á mesma rede.
Batería
A súa batería sitúase nos 3180 mAh de capacidade, e é compatíbel coa carga rápida 3.0 de Qualcomm e a carga sen fíos. Trátase dun punto no que Sony destaca algo sobre a competencia, aínda que a mellora non sexa moita se comparamos con modelos previos da marca.
Por outro lado, temos que falar da xestión do aforro da batería para poder ampliar as horas de uso cando comezamos a quedar escasos de enerxía. E é que o Sony Xperia XZ2 ten un consumo en repouso baixísimo, e xa se falamos de aforro, o modo STAMINA e ULTRA STAMINA (que aumenta a autonomía a costa de restrinxir algunhas funcionalidades) vese mellorado nesta versión.
Conclusións
Como bo modelo de gama alta, o Sony Xperia XZ2 é un teléfono moi recomendábel por moitos aspectos, cos seus puntos a favor e os seus puntos en contra, mais resultando en conxunto un dispositivo moi interesante.
Aínda que aquí xoga un papel importante o punto do gusto, o Xperia XZ2 é un teléfono que, como xa dixemos, peca un pouco de pesado, e quizais podería ter aproveitado de mellor maneira o ratio pantalla / dispositivo frontal. En calquera caso, caben destacar os seus puntos fortes, como o fotográfico e, especialmente, o multimedia. Se somos usuarias que lle damos importancia a experiencia neste punto, o Xperia XZ2 é un dos grandes protagonistas a ter en conta.
O Xperia XZ2 pódese mercar por algo máis de 700 euros.