Novo Huawei P Smart+, con máis pantalla e catro cámaras

Huawei continúa coa estratexia fixada para este anos de inundar o mercado de dispositivos co lanzamento dun novo trebello, o Huawei P Smart+. Trátase, como o seu propio nome indica, dunha versión superior ou “plus” do actual P Smart, cuxas principais bazas son a pantalla maior, as catro cámaras e o uso de intelixencia artificial.

O novo Huawei P Smart+ integra unha pantalla de gran formato, concretamente de 6,3 polgadas con resolución Full HD+ (2340 x 1080 píxeles), e un formato de pantalla 19.5:9, semellante a todo o que se está a anunciar este ano. Así mesmo, dispón dunha alta relación pantalla – corpo e de notch na parte superior para aproveitar case todo o frontal do trebello.

Se miramos no seu interior temos un procesador de fabricación propia, o Huawei Kirin 710 con Intelixencia Artificial (IA), xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna que, en todo caso, poden ser ampliados a través de tarxetas microSD. Doutra banda, a súa batería fica nos 3340 mAh de capacidade.

Centrado na fotografía

Malia que o apartado fotográfico non é o punto forte de Huawei na gama media, cabe salientar a súa importancia neste modelo concreto, especialmente na cámara frontal. E é que a compañía chinesa decidiu implementar unha cámara dobre para os selfies, formada por un sensor de 24 Mpx con apertura f/2.0 e outro secundario de 2 Mpx.

Doutra banda, na cámara traseira temos a combinación de dúas lentes, neste caso de 16 e 2 Mpx, respectivamente. A principal é que se encarga de facer as capturas de imaxes, tanto fixas como en movemento, mentres que a secundaria é a que rexistra os datos de profundidade para facer o efecto bokeh. Así mesmo, pode capatar imaxes en cámara lenta a 480 fps.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Huawei P Smart+ estará dispoñíbel a partir do 2 de agosto por 349 euros a través das canles habituais de venda, é dicir, grandes retailers e operadoras.

Sobre o autor

Reply