Samsung Galaxy Note9: todo sobre o novo móbil de Samsung

Poucas sorpresas quedaban por descubrir antes das presentación do Samsung Galaxy Note9, logo das múltiples filtracións de especificacións, fotografías, reviews e mesmo vídeos oficiais. Mais agora toda esta información é oficial, e xa coñecemos todo do último dispositivo de Samsung.

Folla de características

O primeiro que destaca do novo Samsung Galaxy Note9 é a súa pantalla, que medra até as 6,4 polgadas (lembremos que o Note8 tiña 6,3), sen que isto afecte apenas ao tamaño final do dispositivo. Trátase dun panel lixeiramente curvo, fabricado con tecnoloxía SuperAMOLED e cunha resolución QHD+ (1440 x 2960, 514 píxeles por polgada) e HDR+.

No seu interior alberga un procesador que, como vén sendo habitual nos últimos lanzamentos de Samsung, variará segundo a rexión no que se distribúa. Mentres que na China e USA empregará o Qualcomm Snapdragon 845, nas rexións EMEA (o que inclúe o noso país) terá un modelo de fabricación propia, o Exynos 9810 octacore (4 x 2,7 GHz e 4 1,8 GHz). Estará acompañado de 6 GB de memoria RAM e 128 GB de almacenaxe interna, nunha das opcións, e de 8 GB de RAM e 512 GB de memoria interna na outra, ambasampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB, co que o tamaño de memoria pode acadar 1 TB (512 + 512 GB).

No apartado fotográfico temos unha cámara principal dobre, formada por un sensor principal de 12 megapíxeles con apertura mecánica variábel (f/1.5 – f/2.4), tecnoloxía dual píxel, autoenfoque láser e estabilizador óptico, mentres que a secundaria é de 12 Mpx con apertura f/2.4. Da outra banda, na parte frontal temos unha cámara de selfies de 8 megapíxeles, con apertura f/1.7.

E xa para completar a listaxe de especificacións temos unha batería de 4000 mAh de capacidade con carga rápida e carga sen fíos, NFC para poder pagar co móbil con soporte para Samsung Pay, soporte para varios sistemas de satélite (GPS, GLONASS e Galileo), USB tipo C 3.1, Bluetooth 5.0, WiFi de dobre banda, jack de auriculares 3.5 e resitencia á auga e pó (IP68).

S-Pen e outras funcións avanzadas

Por primeira vez o S-Pen dispón de conectividade Bluetooth e, polo tanto, precisa ser cargado, aínda que isto semella non ser gran problema se temos en conta que con 40 segundos de carga conseguimos 30 minutos de autonomía (non hai que preocuparse, xa que se carga só ao estar gardado dentro do trebello). Con esta nova conectividade conséguese que o S-Pen sirva de mando a distancia para sacar fotos ou para presentacións, por poñer un par de exemplos, aínda que os casos de uso poden ser moitos máis.

Ademais tamén temos melloras no modo DeX, que permite transformar o noso móbil nun entorno de escritorio ao conectalo a unha pantalla externa. A diferenza dos modelos anteriores, xa non é preciso empregar un DeX Pad, xa que bastará con conectar o teléfono directamente cun cable HDMI á pantalla externa. Ademais, usando este modo podemos usar o teléfono para tomar notas.

Prezos de venda

Até o día 23 de agosto estará aberta a pre-reserva, grazas á cal as usuarias poden gozar dun desconto de 100 euros entregando un smartphone vello ou de 200 € se este terminal é un modelo Note anterior. Estas persoas que accedan á pre-reserva recibirán o teléfono o 24 de agosto, data na que se pon á venda de forma oficial.

En canto a prezos, o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna custa 1009 euros, mentres que a alternativa con 8 GB de RAM e 512 GB chega por 1259 euros. Ademais, as usuaarias poderán mercar outros S-Pen por separado, que estarán dispoñíbeis en diversas cores. Como curiosidade, a cor destes S-Pen será a cor coa que se escriba en pantalla ao tomar notas rápidas con pantalla apagada.

Sobre o autor

One Response

  1. Rubenix 10 Agosto, 2018 Responder

Reply