O mes de agosto é un dos preferidos por moita xente para facerse con accesorios para os seus trebellos tecnolóxicos, xa que é unha época na que conflúen dúas circunstancias: por unha banda, o verán segue o seu curso e mudan as rutinas derivadas das vacacións (temos máis tempo libre, imos a sitios diferentes…) e, pola outra, é o momento no que moita xente comeza a equiparse cara a vaolta ao curso do mes de setembro.
Por iso hoxe queremos compartir con vós esta listaxe de accesorios que poden axudarnos a facer a nosa vida un pouco máis sinxela. Preparadas? Imos aló!
Auriculares sen fíos
Pode que o teu novo smartphone xa non dispoña de conector de audio jack 3.5 ou pode que, simplemente, queiras aforrar ter que andar pendente dos cables. En ambos os casos, elixir uns auriculares sen fíos é sempre unha boa opción. Pero… cal escoller?
IFROGZ Aurora Wireless
IFROGZ é unha das marcas referenciais de accesorios de audio, polo que conta cun amplo portfolio de auriculares de todo tipo, desde modelos in-ear até os de tipo diadema, pasando por alternativas deseñadas para a práctica deportiva. E todo iso dividido en diferentes gamas, dependendo do que queiramos ou poidamos gastar.
O modelo Aurora Wireless é de tipo diadema. Fabricado en plástico e pel sintética, conta cun deseño robusto e adaptábel ao tamaño da nosa cabeza. Ademais, tanto na zona das orellas como na parte superior da cabeza conta cun sistema de acolchamento apra que resulten máis cómodos ao usalos.
Malia que están pensados para conectalos por Bluetooth aos nosso trebellos, tamén dispón dun cable jack para usalos conectados, unha boa opción se quedamos sen batería e queremos seguir disfrutando deles. Dispoñen de micrófono e todos os controis para poder manexar as pistas, o volume e coller chamadas desde eles.
Os IFROGZ Aurola Wireless están dispoñíbeis en varias cores por uns 35 euros, e son unha gran opción para aquelas persoas que buscan uns auriculares diadema de calidade por debaixo dos 50 euros. Pódense mercar, por exemplo, na páxina de Zagg.
Samsung IconX
Se o que buscamos son uns auriculares in-ear, hai múltiples opcións que podemos considerar. Se somos usuarias de Apple o máis áxil e facerse cos Airpods, mais para o mundo Android temos dúas opcións moi a ter en conta: os Huawei Freebuds, cunha estética semellante á da compañía da mazá, ou os Samsung IconX (2018), máis discretos.
Polo seu deseño, o modelo de Samsung é moi cómodo para moverse con eles, dado que non caen da orella cos movementos e dispoñen de paneis táctiles para levar a cabo todas as tarefas de control. A carga realízase a través dunha caixa que, ademais de servir para gardalos, tamén poden achegar unha carga de autonomía extra.
Ofrecen unha autonomía de 5 horas de uso, e ademais poden funcionar para medir a actividade física e reproducir contidos almacenados nos propios auriculares, o que nos permite, se así o queremos, prescindir do teléfono para certas actividades. Pódense atopar en diversas tendas por uns 180 euros.
Quedar sen batería é un dos maiores medos das usuarias, de aí a importancia de powerbanks que nos poden sacar dun apuro. Porén, sempre temos que pasar polo enchufe, e se pensamos que ademais do noso smartphone temos que darlle enerxía a baterías externas e outros accesorios, viranos ben ter opcións para cargalos.
Mophie Powerstation USB-C XXL
Xa temos falado nalgunha outra ocasión nos accesorios de carga de Mophie. A marca conta con fundas de carga deseñadas para os modelos principais de Apple e Samsung, así como cargadores sen fíos e outras solucións de carga.
O modelos que vos propoñemos hoxe é un dos máis punteiros. Trátase dunha estación de carga con 19.500 mAh de capacidade, con saída USB-C capaz de enviarlle 30 W ao noso portátil, permitindo aumentar as horas de traballo, especialmente en modelos como os Macbook ou os Huawei Matebook X.
Tamén dispón dunha saída de carga USB de 2.4 A, que pode empregarse ao mesmo tempo que a principal. Está dispoñíbel por 150 euros, e se pode mercar directamente na web do fabricante.
Cargador múltiple Xiaomi
Aínda que está máis pensado para un escritorio, o cargador múltiple de Xiaomi é unha opción moi interesante para ofrecernos moitas saídas de carga. En concreto, dispón de 5 conectores USB (4 a 2.4 A e 1 a 3.0 A) e 1 USB-C (3.0 A).
Pódese mercar en varias webs online, entre elas GearBest, por algo máis de 26 euros.
Cable multicargador Samsung 3-1
Os cargadores multi-USB están moi ben, pero tamén é certo que non nos quitan de ter que levar varios cables para poder cargar os diferentes traballos. A solución a isto dánola Samsung co seu cable multicargador 3-en-1.
Por unha banda ten un USB macho tipo A, para que poidamos conectalo a calquera cargador, aínda que como recomendación deberíamos poñer un con carga rápida. Do outro lado o cable derívase en tres, con microUSB, aínda que un deles integra tamén un adaptador para tipo C. Custa algo menos de 25 euros e pódese mercar en MediaMarkt.
Cargador coche Aukey
O fabricante de accesorios Aukey dispón de varios cargadores múltiples, tanto de parede como para casa. Se estamos a mirar nun cargador para o noso coche deberíamos ter en conta que, a día de hoxe, só compensa ir por un que teña carga rápida e, a poder ser, dobre saída.
O modelo que vos ensinamos aquí ronda os 20 euros, pero leva uns días co prezo rebaixado a algo menos de 13 euros. Pódese mercar en varias tendas, online e offline, por exemplo en Amazon.
Conectividade e seguridade
Xa por último, non queremos deixar pasar a oportunidade de falar de opcións vencelladas á conectividade e seguridade cando estamos fóra do noso domicilio habitual.
MiFi Huawei LTE 150 Mbps
Aproveitando que moitas operadoras facilitan unha SIM adicional ligada á nosa tarifa ou outras opcións para conectarnos nas vacacións, pode ser unha boa idea facerse cun router 4G de peto (ou MiFi) ao que poderemos conectar varios dispositivos.
Opcións hai moitas, tanto en deseño como en prestacións, pero para a meirande parte dos usos chegaranos un con LTE Cat4 (conexións até 150 Mbps), como o modelo de Huawei da imaxe superior, que custa uns 90 euros.
Xiaomi Mi Home Security Camera 360
Se o que nos preocupa é a seguridade da nosa vivenda temos múltiples opcións de cámaras conectadas, como os modelos de Nest dos que xa falamos anteriormente no blog. Porén. unha opción máis económica á vez que completa é a Secutirty Camera 360 de Xiaomi, que como o seu propio nome indica é unha cámara capaz de moverse en 360 graos para controlar todo arredor de si.
O trebello non precisa de grandes instalacións, e mesmo pode ser colocada de forma invertida. Grava en 720 píxeles e dispón tanto de visión nocturna por infravermellos como de detección de movemento. Os contidos poden visualizarse desde a aplicación, mais tamén gardalos nunha tarxeta microSD ou nun disco duro na nube. Custa uns 40 euros.