O fabricante chinés Lenovo, propietario da mítica marca Motorola, anunciou onte no seu país de orixe o novo Moto P30, un terminal que segundo parece formará parte dunha nova serie na que estarán, ademais do propio Moto P30, o P30 Note e o P30 Play, que chegarán máis adiante. O teléfono é o primeiro modelo de Motorola en incluír o notch en pantalla, ademais de ter un exaxerado parecido co iPhone X.
O Moto P30 é un dispositivo “todo pantalla” cun panel de 6,2 polgadas con resolución Full HD+, ratio de aspecto 19:9 e cristal curvado 2.5D. Incorpora un procesador de gama media – alta, o Qualcomm Snapdragon 636, xunto con 6 GB de memoria RAM e dúas variantes de almacenaxe interna, 64 ou 128 GB, en ambos casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.
Na parte traseira do dispositivo temos a cámara principal, formada por un sensor de 16 megapíxeles e outro secundario de 5 megapíxeles, ademais do lector de pegadas dixitais. Do outro lado, na parte frontal, temos unha cámara de 12 megapíxeles con funcións de intelixencia artificial (IA) e realidade aumentada.
A súa batería sitúase nos 3000 mAh de capacidades, con carga rápida por USB tipo C. Tamén dispón de toma de audio jack 3.5 mm, e como sistema operativo emprega un fork de Android 8.0 Oreo chamado ZUI, na súa versión 4.0.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Moto P30 estará dispoñíbel na China nos próximos días en tres cores diferentes (branco, negro e un azul degradado semellante ao introducido por Huawei nos últimos modelos), e nas dúas variantes de tamaño de memoria.
En canto a prezos, o modelo de 6 + 64 GB chegará por uns 275 euros ao cambio e o de 6 + 128 GB por algo menos de 300. Porén, de momento non está previsto que vaia estar dispoñíbel en mercados alleos ao chinés, mais seguramente non tarde en aparecer unha alternativa con Android para o noso mercado.