Estes son os modelos de bq e Nokia que recibirán Android 9 Pie

Hai uns días Google anunciou por sorpresa Android 9 Pie, a última versión do sistema operativo Android, e pouco a pouco os fabricantes comezan a confirmar que modelos dos seus respectivos portfolios recibirán a ansiada actualización.

Unha das primeiras en facelo foi a española bq, que desde hai tempo garante cando menos unha gran actualización de software en todos os modelos (non só nos flagships), e dúas cando é tecnicamente posíbel. Deste modo, do portfolio actual de dispositivos da marca recibirán Android 9 Pie os seguintes:

  • Aquaris X2 Pro / Aquaris X2. Son os actuais terminais referenciais da compañía, e foron lanzados en xuño deste ano con Android 8.1 Oreo. Serán os primeiros en recibir a actualización, ao formar parte da familia Android One (que garante 3 anos de soporte software).
  • Aquaris X Pro / Aquaris X. Lanzados en xullo de 2017 con Android 7.1 Nougat, recibiron Android 8.1 Oreo en maio de 2018, polo que Android 9 Pie será a súa segunda gran actualización.
  • Aquaris U2 / U2 Lite. Lanzados en setembro de 2017 con Android 7.1.2 Nougat, actualmente están en beta de Android 8.1 Oreo e Android 9 será a segunda gran actualización.
  • Aquaris V / Aquaris V Plus / Aquaris VS / Aquaris VS Plus. Ao igual ca os U2 / U2 Lite, foron lanzados en setembro de 2017 con Android 7.1.2 Nougat, están na beta de 8.1 Oreo e recibirán Android 9.

Pola súa banda, HMD Global confirmaba tamén os modelos Nokia que recibirán a nova versión de Android a través da resposta ás preguntas dun usuario desde a súa conta de Twitter.

Segundo esta información, serán actualizados a Android 9 Pie os Nokia 3, Nokia 5, Nokia 6 e Nokia 8, así como o Nokia 7 Plus, que forma parte do programa Android One. Así, este último modelo será dos primeiros que recibirán a nova versión do sistema operativo, mentres que para o resto descoñecemos cando poderán disfrutala.

Tanto bq como Nokia son dos fabricantes que mellor están a coidar o seu portfolio de teléfonos en canto a actualizacións de software, aínda que tamén hai que pensar que traballar cunha interface practicamente limpa, como fan eles, facilita moito o proceso de adaptación das novas versións aos seus trebellos.

Sobre o autor

One Response

  1. Andrés 23 Agosto, 2018 Responder

Reply