Levábamos ben tempo con ganas de facer algunha análise dun dispositivo Xiaomi, e hoxe traémosvos un bastante representativo. Trátase do Xiaomi Mi Mix 2S, un dos modelos que máis destaca dentro do portfolio de trebellos do fabricante chinés, grazas ao seu deseño de reducidísimos marcos, como tamén polas súas especificacións. Vexámolo polo miúdo.
Deseño, acabado e conexións
Se por algo destaca o Xiaomi Mi Mix 2S é polo seu deseño todo pantalla (ratio 81,9%) e polos seus case inexistentes marcos, especialmente en ambos laterais e na parte superior do dispositivo, o que leva a poñer a cámara frontal e os LEDs na parte inferior do trebello.
O trebello ten un grosor de 8,1 mm, e no lateral dereito leva os diferentes botóns para o seu uso (acendido e controis de volume), deixando o lector de pegadas dixitais para a parte traseira, nun lugar que nos pareceu bastante cómodo para o seu uso. No lado esquerdo temos a bandexa para as tarxetas SIM e no borde inferior o conector USB-C xunto co altofalante.
En canto aos acabados, o terminal está fabricado en metal con acabados cerámicos, algo necesario para poder ofrecer carga sen fíos, mais tamén un punto importante á hora de achegar unha sensación de calidade superior, imprescindíbel se nos movemos nunha gama alta.
Hardware e rendemento
Como toda a gama alta de Xiaomi, o Mi Mix 2S non escatima en hardware. No seu interior leva o procesador Snapdragon 845 de Qualcomm, un octa core Kyro a 2,8 GHz. Xunto a el, 8 GB de memoria RAM (hai unha opción de 6 GB) e 256 GB de almacenaxe interna (aínda que tamén hai opcións de 64 e 128 GB).
Dispón de dual SIM (dual nano), NFC, Bluetooth 5.9, USB-C, WIFI 4×4 MIMO e LTE con soporte a 43 bandas globais, e na parte das carencias destaca a ausencia de jack de audio 3.5
Con este hardware era de esperar un funcionamento óptimo, e así é: o teléfono é capaz de mover todo o que lle boten, respondendo rápido ás peticións das usuarias máis exixentes, unha potencia que agradeceremos á hora de xogar. O dispositivo non se quenta (o acabado cerámico tamén axuda a esa disipación de calor) e tampouco temos lags que enturbien a experiencia.
Pantalla
A pantalla é un dos aspectos que máis chama a atención neste modelo, tanto polo seu tamaño próximo ás 6 polgadas (5,99), como pola relación de aspecto respecto ao frontal do terminal. A súa resolución é Full HD+ (2160 x 1080 píxeles, 403 píxeles por polgada) e ten formato 18:9.
Fóra da sopresa que causa o panel polo seu aspecto, o certo é que a experiencia con ela é sobresaínte, tanto pola súa calidade a nível nitidez, como na correcta reprodución de cor. Se falamos do brillo,puidemos comprobar que a visualización da pantalla en ambientes exteriores con moita luz está garantida grazas aos 585 nits e brillo que pode acadar, e a adaptabilidade a diferentes níveis realízase de maneira extremadamente rápida.
No menú de configuración tamén podemos xestionar diferentes aspectos en relación coa pantalla, nomeadamente o ton e o contraste, permitíndenos xestionar, por exemplo, tons máis cálidos ou fríos dependendo do que esteamos a facer co dispositivo.
Cámara
Xiaomi, en termos xerais, non destaca no apartado fotográfico, especialmente comparándoo coa competencia, onde estamos a ver que moitos fabricantes teñen posto grandes esforzos. Porén, o Mi Mix 2S racha con esa tendencia, supondo un punto de inflexión que a marca debería continuar nesta gama e tamén ir aplicando a outras máis modestas.
A cámara traseira conta con dous sensores. O principal é o Sony IMX363, de 12 megapíxeles con apertura f/1.8, enfoque Dual Pixel e píxeles de 1,4 µm; o secundario está fabricado por Samsung (modelo S5K3M3), é de 12 megapíxeles e ten unha apertura de f/2.4. Dispón de flash de dobre ton.
O sensor secundario está destinado a mellorar o efecto bokeh (desenfoque) e tamén facilita o zoom de dous aumentos, que nas nosas probas puidemos comprobar que funciona bastante ben.
En canto aos diferentes modos, temos a opción de usar o modo automático, retrato, panorámico, cadrado, vídeo curto de 10 segundos (especialmente indicado para redes sociais), vídeo e manual, este último o máis interesante para todas aquelas usuarias que saben un pouco de fotografía, xa que é como mellor se lle pode sacar partido á cámara.
Se falamos da cámara dianteira, temos un sensor único de 5 megapíxeles con apertura f/2.0. O que máis chama a atención dela é a súa ubicación, no marco inferior do trebello, polo que ao usala para sacar un selfie recibiremos unha mensaxe recomendándonos darlle a volta ao móbil.
En canto aos resultados, podemos dicir que a cámara do Mi Mix 2S sorprendeunos para ben: con boa luz, temos uns resultados moi fieis coa realidade, con cores que se corresponden co que ben os nosos ollos e conseguindo un alto grao de detalle, mentres que en escenas escuras é quen de manterse por riba da media, sen introducir ruído en exceso. Outra cousa é a cámara frontal, cuns resultados que non sorprenden, nin para ben nin para mal.
Podes botarlle un ollo á galería de fotografías tomadas con este trebello no noso perfil de Flickr.
Software
O teléfono vén de fábrica con Android 8.0 (Oreo), modificado coa interface MIUI 9.5. A diferenza das capas de personalización que usan os fabricantes non chineses (Samsung, LG, Sony…), moito máis lixeiras e semellantes a Android stock, Xiaomi modifica considerabelmente toda a interface de usuaria máis aló das iconas ou temas, chegando a cambiar a organización dos menús de axustes.
Isto nin é o bo nin é malo, é diferente. Ao comezo é preciso fedellar un pouco máis para atopar algunhas cousas nos axustes, pero nada que non se resolva poñendo un mínimo de interese. A cambio, os beneficios que atopamos nas utilidades propias son positivas, e Xiaomi mima bastante ese afán diferenciador coa súa capa, actualizándoa con bastante frecuencia para incluír novas funcionalidades.
Entre estas opcións están a configuración de accións a través dos botóns físicos, destinadas a axilizar a apertura da cámara e outras aplicacións, ou os controis por xestos que vimos no iPhone X (e que tamén teremos en Android a partir da versión 9). A cambio, perderemos algunhas utilidades que Google introduciu en Oreo, como os menús contextuais das aplicacións.
Máis aló de que nos guste ou non que o fabricante meta aplicacións propias, a experiencia software podémola considerar moi satisfactoria. Todo funciona correctamente, con transicións rápidas e fluídas e sen lag, polo que a experiencia de usuario resultou ser moi boa.
Batería
O Mi Mix 2S incorpora unha batería de 3400 mAh de capacidade, que como era de supór, soporta a carga rápida. Porén, a grande novidade, se o comparamos co seu predecesor, está no soporte para a carga sen fíos Qi, sumándose á pequena listaxe – pero cada vez máis importante – de modelos compatíbeis con ela.
Se falamos de autonomía, o trebello sitúase nunha posición media con outros terminais da mesma gama: consegue aguantar o día sen maior dificultade, pero só acadaremos un tempo de uso de día e medio se non lle facemos moito caso ao dispositivo. Traducido a horas de pantalla, conseguimos algo menos de 5 horas como termo medio.
O fabricante inclúe cargador compatíbel coa carga rápida na caixa, e con el podemos completar a carga completa en algo menos de hora e media, e subir do 0 ao 25% en menos de vinte minutos.
O Xiaomi Mi Mix 2S é un teléfono que non pasa despercibido, tanto polo seu deseño como tamén polas súas especificacións, o que o sitúa nun nível superior, medíndose de igual a igual con outros grandes fabricantes e os seus respectivos buques insignia.
Sen ir polo camiño fácil de introducir o notch na parte superior para manter uns marcos mínimos, o Mi Mix 2S aposta por unha solución diferente, integrando a cámara frontal na parte inferior. Isto, como xa dixemos antes, supón unha pequena mudanza de hábitos ao ter que darlle a volta ao trebello para sacar a foto, polo tanto imaxinamos que será un aspecto a corrixir en próximas versións.
Polo demais, é un terminal bastante redondo, que conta cunha espectacular cámara, un hardware potente como o que máis, unha cámara que se defende ben en practicamente todas as situacións e un software propio que permite implementar funcións extra. Polo tanto, é unha das grandes alternativas nesa gama alta cada vez máis exixente e con mellores opcións para escoller.
O Xiaomi Mi Mix 2S pódese mercar a partir duns 420 euros para a versión máis ecónomica, de 6 GB de RAM e 64 GB de memoria interna.