MediaPad M5 Lite e MediaPad T5 10, as novas tablets de Huawei

Este mes chegan ás tendas dos noso país dúas novas tablets de Huawei, afondando na estratexia marcada polo fabricante chinés para este 2018 de inundar o mercado con opcións para diferentes segmentos de prezo. Os novos modelos son aa MediaPad M5 Lite e a MediaPad T5 10, que contan cun deseño coidado nuns trebellos de características medias.

A Huawei MediaPad M5 Lite, a nova integrante da serie M5, caracterízase polo seu deseño minimalista. Leva unha pantalla Full HD de 10.1 polgadas, con remate curvado en cristal 2.5D, así como un sistema de son formado por catro altofalantes optimizados por Harman Kardon cos que consegue unha experiencia de audio máis completa.

No seu interior temos diversas combinacións de memorias e conectividade, mais todas elas co mesmo procesador de fabricación propia, o Kirin 659 de oito núcleos, e unha batería de 7.500 mAh de capacidade equipada coa tecnoloxía de carga rápida de Huawei, que nos permite tela a punto en 3 horas de carga. Así mesmo, leva un sensor de pegadas dixitais na parte frontal e cámara traseira e dianteira, esta última de 8 megapíxeles para apostar pola videochamada.

En canto ao lapis, leva un M-Pen Lite para facilitar a introdución de texto e as capacidades de debuxo. Sen ser tan preciso como os da serie Note de Samsung, o M-Pen de Huawei conta con 2096 puntos de presión.

 

Doutra banda temos a Huawei MediaPad T5 10, unha tablet algo máis modesta coa mesma pantalla de 10.1 polgadas Full HD e co mesmo procesador, o Kirin 659. Porén, este modelo inclúe 5.100 mAh de batería, e polas súas especificacións está orientada a uns usos máis básicos, especialmente a un público infantil, xa que conta cun “modo nenos” con ferramentas axeitadas para o uso polas crianzas.

Dispoñibilidade e prezos.

A Huawei MediaPad M5 Lite 10 en Space Grey e a Huawei MediaPad T5 10 en negro xa se poden mercar no noso país a través das diferentes cadeas de tendas de electrónica e os comercios online. En canto aos prezos, estes dependen do modelo e da configuración elixida en cada caso:

A Huawei M5 Lite 10 con conectividade WiFi custa 299 euros, mentres que a alternativa con conectividade móbil 4G sube até os 349 euros. Doutra banda, a MediaPad T5 10 témola en catro configuracións posíbeis:

  • T5 10 2 + 16 (WiFi): 199 €
  • T5 10 2 + 16 (LTE): 249 €
  • T5 10 3 + 32 GB (WiFi): 229 €
  • T5 10 3 + 32 (LTE): 279 €

Sobre o autor

Reply