bq Aquaris C: a nova aposta de bq para a gama entrada

O fabricante español bq vén de anunciar un novo trebello que inaugura unha nova serie, o Aquaris C. Trátase dun modelo de gama entrada que aposta por ofrecer un deseño semellante ao dos actuais buques insignia da compañía (Aquaris X2 / X2 Pro), e unhas prestacións de gama media a prezo de terminal de entrada.

O bq Aquaris C integra unha pantalla infinita de 5,45 polgadas con resolución HD+, cristal 2.5D, brillo de 450 nits e máis de 16 millóns de cores grazas á tecnoloxía Quantum Color+. No seu interior leva un procesador de catro núcleos, o Qualcomm Snapdragon 425 (4 x 1,4 GHz), xunto con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de Samsung de 13 megapíxeles con apertura focal f/2.0 e tecnoloxía de autoenfoque láser PDAF, mentres que na frontal hai unha cámara de 5 Mpx con apertura f/2.0 e selfie indicator. En canto a autonomía leva unha batería de 3000 mAh de capacidade con carga rápida QuickCharge 3.0 a través dun conector USB Tipo C.

O Aquaris C tamén está equipado con NFC para poder realizar pagos co móbil, WiFi de dobre banda (2.4 e 5 GHz), Bluetooth AptX (para mellorar a transmisión de son por Bluetooth), lector de pegadas dixitais e recoñecemento facial. Como sistema operativo leva Android 8.1 Oreo, aínda que actualizábel a Android 9 Pie.

Dispoñibilidade e prezo

O novo bq Aquaris C xa está á venda en dúas cores, negro (Navy Black) e branco (Silver White) a través da tenda online de bq por 149,90 €. Ademais, Vodafone ten a exclusiva do trebello para a súa clientela até o 10 de setembro, data a partir da cal chegará tamén ao resto de establecementos habituais nos que se vende a marca (Media Markt, Alcampo, FNAC, …) e outras operadoras.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Rubenix 23 Agosto, 2018 Responder
  2. Andrés 23 Agosto, 2018 Responder

Reply