O fabricante taiwanés HTC anunciou esta semana o lanzamento dun novo dispositivo, chamado a ser o modelo máis asequíbel da serie U. Trátase do HTC U12 Life, un trebello que conta cun deseño premium e unhas especificacións que o enmarcan dentro da chamada gama media.
Da súa presenza destaca tamén os acabados, xa que está fabricado en metal e cristal acrílico, unhas sutís raias que fan que sexa bastante atractivo. Por diante temos un deseño de teléfono “todo pantalla”, con escasos marcos, tal e como marcan os actuais estándares de deseño.
Se falamos das súas especificacións, o U12 Life incorpora unha pantalla de 6 polgadas con formato 18:9 e resolución HD+, e no seu interior integra o procesador Qualcomm Snapdragon 636, de oito núcleos, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD. A súa batería é de 3.600 mAh de capacidade, con carga rápida Quick Charge 3.0. Por suposto, leva sensor de pegadas dixitais.
Se falamos das cámaras atopámonos cunha combinación na parte traseira dun sensor de 16 e outro de 5 megapíxeles (apertura f/2.0), con autoenfoque por láser PDAF, HDR, efecto bokeh e gravación en 4K. Do outro lado, na pate frontal, temos unha cámara de selfies de 13 megapíxeles con apertura f/2.0, capaz de gravar a 1080p.
Dispoñibilidade e prezo
Polo de agora HTC non confirmou a data exacta na que poderemos mercar o novo HTC U12 Life no noso país, aínda que será dentro de pouco tempo. Porén, o que si sabemos é que chegará en dúas cores – púrpura e azul – por 349 euros.