LG dúas versións máis asequíbeis do G7 ThinQ, unha con Android One

Desde o IFA de Berlín, LG anunciou diversas novidades en varios ámbitos (televisións, electrodomésticos…), mais tamén no campo da telefónia móbil. En concreto, desde a feira alemá chégannos dous novos modelos derivados do LG G7 ThinQ, que achegarán característicasd e gama alta a prezos un pouco máis contidos: son os LG G7 One (con Android One) e LG G7 Fit.

LG G7 Fit

O LG G7 Fit chega para cubrir un oco no portfolio do fabricante entre a chamada gama alta e o actual buque insignia. Leva un procesador Qualcomm Snapdragon 821, 4 GB de memoria RAM e opcións de 32 ou 64 GB de memoria interna. A súa pantalla é un panel SuperBright Display LCD FullVision de 6,1 polgadas con resolución QHD (3120 x 1440 píxeles), con 1000 nits de brillo.

Ese recurte en prestacións hardware compénsase co mantemento das opcións premium que herda do LG G7 ThinQ, como a cámara con intelixencia artificial (AI CAM), o audio Hi-Fi Quad DAC de 32 bits, o Boombox Speaker e o son envolvente DTS:X 3D.

LG G7 One

Do outro lado temos o LG G7 One, que como xa avanzamos trátase dun modelo Android One (o primeiro da compañía). Deste modo, as usuarias poderán disfrutar das últimas innovacións do sistema operativo de Google de maneira rápida, chegando a cubrir un oco na gama alta deste programa.

O G7 One leva o procesador Qualcomm Snapdragon 835, xunto con 4 GB de RAM e 32 GB de memoria interna. A súa pantalla é un panel Super Bright Display QHD+ (3120 x 1440 píxeles) de 6,1 polgadas, cun ratio de 19.5:9 FullVision.

Dispoñibilidade e prezo

LG confirmou a chegada do LG G7 Fit ao noso país para o mes de novembro por 499 euros, mais de momento non hai información sobre se o modelo One tamén fará acto de presenza polos nosos lares. Estaremos atentas para actualizar esta información no caso de producirse novidades.

Sobre o autor

Reply