Sony XZ3: a nova gama alta xaponesa desde o IFA de Berlín

Sony é unha das marcas que segue fiel ao IFA de Berlín, un dos tres eventos (xunto co CES de Las Vegas e o MWC de Barcelona) máis destacados da electrónica de consumo. Por iso, aproveitando a feira anunciou un novo modelo de gama alta, o Sony Xperia XZ3, que malia todo segue un paso por detrás do actual terminal referencial da compañía, o XZ2 Premium.

O dispositivo aposta por tres elementos que veñen a ser habituais nos últimos lanzamentos da marca: calidade de pantalla, son e cámara, estes dous últimos aspectos moi asociados á compañía nipona polas súas orixes. Da pantalla, o que destaca é a súa curvatura, semellante á que aplica Samsung aos seus modelos de referencia desde o Galaxy S6 Edge.

Especificacións do Sony Xperia XZ3

Comezando pola pantalla, o trebello está equipado cunha pantalla OLED curva de 6 polgadas, que conta con formato 18:9 e resolución QHD+ (2880 x 1440 píxeles); trátase dun panel Triluminos, con X Reality, soporte HDR, Dynamic Contrast Enhancer e Always On.

No seu interior atopámonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 con GPU Adreno 630, 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB. A súa batería é de 3.330 mAh de capacidade, con carga rápida e tamén carga sen fíos Qi. Dispón de UBS Tipo C, NFC para pagos móbiles e tamén sensor de pegadas dixitais, situado na parte traseira do trebello.

Se falamos de fotografía, a cámara principal é un modelo de sensor único de 19 megapíxeles, con Motion Eye, enfoque láser e sensor RGBC-IR, con ISO 12800 para foto e 4000 para vídeo. Ademais ten soporte para vídeo en slow-mo a 960 fps en FullHD. Do outro lado, a cámara frontal é de 13 megapíxeles con apertura f/1.9 e modo bokeh por software.

Por último, a outra gran pata era a do son, onde temos son de alta resolución DSEE HX, con altofalantes frontais estéreo e Qualcomm APTX HD Audio para a transmisión sen fíos.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Sony Xperia XZ3 chegará en tres cores (negro, branco – prata e verde) con Android 9 Pie de serie, aínda que coa capa de personalización propia de Sony. Custará, de partida, 799 euros.

Sobre o autor

Reply