ZTE anuncia o seu novo flagship Axon 9 Pro

ZTE anunciou a semana pasada no IFA de Berlín o seu novo buque insignia, o ZTE Axon 9 Pro, un dispositivo no que a marca decidiu apostar pola experiencia no consumo de vídeo, mais tamén por ser o primeiro da compañía que elimina o conector de audio jack 3.5 mm.

O Axon 9 Pro é outro terminal “todo pantalla” con notch na parte superior. Trátase dun panel Full HD+ de 6,21 polgadas (2248 x 1080 píxeles), formato 18.8:9 e curvatura 2.5D. O cristal tamén é o protagonista da parte traseira do modelo, xa que está acabado en vidro templado 3D, para poder cargarse sen fíos.

En canto á potencia, no interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 845, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de almacenaxe interna, que se poden ampliar mediante tarxetas microSD. A súa batería é de 4000 mAh de capacidade, con Quick Charge 4+ e carga sen fíos, e a conectividade vén dada por WiFi de dobre banda 2×2 MIMO, NFC, USB tipo C e Bluetooth 5.0.

ZTE quixo facer especial fincapé no apartado multimedia, tanto á hora de sacar fotos e vídeos como no seu consumo. Na parte traseira temos unha cámara dual con 12 megapíxeles (1.4 micrómetros, apertura f/1.75, estabilización de imaxe óptica) e 20 megapíxeles (130 graos de ángulo), con enfoque automático dual e flash, mentres que na parte de diante temos unha cámara de 20 megapíxeles con recoñecemento facial.

En canto ao audio, vén con Dolby Atmos e altofalantes estéreo para garantir unha boa calidade Hi-Fi na escoita. Porén, neste eido tamén aposta pola gravación de son ambiente, contando con 3 micrófonos para mellorar este apartado.

O novo ZTE Axon 9 Pro chegará ao mercado europeo por 649 euros, mais polo de agora a compañía non fixou unha data de comercialización. É de prever que chegue ás tendas a tempo para a campaña previa ao Nadal, unha época que moitas usuarias escollen para mudar de teléfono.

Sobre o autor

Reply