Wiko amplía a colección View2 co novo “View2 Go”

O fabricante francés Wiko vén de anunciar que amplía o seu portfolio de smartphones “todo pantalla” View2 coa incorporación do Wiko View2 Go, un trebello de 5,93 polgadas HD+ con formato ultrapanorámico 19:9 e notch na parte superior central do panel.

No seu interior alberga un procesador de oito núcleos a 1,4 GHz, acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 128 GB, aínda que tamén existe unha versión algo máis modesta que queda nos 2 + 16 GB. En canto á autonomía, leva 4.000 mAh de capacidade, o que supón máis horas de uso do habitual nestas gamas.

Se falamos do aspecto fotográfico temos dúas cámaras, unha traseira de 12 megapíxeles e unha dianteira que queda nos 5 megapíxeles, con auto-HDR, Live Portrait Blur e función beleza. Así mesmo, grazas a esta cámara frontal tamén ofrece desbloqueo facial.

Dispón de NFC, o chip que permite ás usuarias – entre outras cousas – pagar co móbil en todos os terminais de cobro TPV con función contactless, que hoxe en día son a maioría. En canto ao software, vén con Android 8.1 Oreo, aínda que será actualizábel a seguintes versións.

Dispoñibilidade e prezo

O Wiko View2 Go, na súa versión de 32 + 3 GB, xa se pode mercar en varias cores por 159 euros, mentres que a versión de 16 + 2 GB custará tan só 139 euros, uns prezos moi atractivos para un terminal con boa presenza e esta folla de especificacións.

Sobre o autor

Reply