Apple anuncia os novos iPhone XS / XS Max e iPhone XR

Apple celebrou esta tarde a súa keynote, na que deu a coñecer os novos iPhone XS, iPhone XS Max e iPhone XR, tres modelos inspirados no iPhone X que se actualizan incorporando novidades que viñan sendo necesarias pola evolución do mercado nos últimos meses, e que supoñen tamén a ampliación do abano de opcións que teñen as usuarias que se decantan polos modelos da “mazá”.

iPhone XS e iPhone XS Max

Como se pode intuír polos seus nomes, o iPhone XS chega en dous tamaños: unha versión de 5,8 polgadas (resolución de 2436 x 1125 píxeles) e outra, o modelo Max, de 6,5 polgadas (2688 x 1242 píxeles), en ambos casos sendo pantallas OLED Super Retina HD coas esquinas lixeiramente redondeadas. E até aí as diferenzas, porque o resto de especificacións (agás, obviamente, a batería), virían a ser as mesmas.

O procesador é o novo chip A12 Bionic, construído en 7 nanómetros, e supón un importante avance tanto na redución do consumo enerxético como na implementación de funcionalidades de intelixencia artificial. A súa cámara traseira é unha cámara dual de 12 megapíxeles, con gran angular (f/1.8) e teleobxectivo (f/2.4). Este é sen dúbida un dos puntos fortes dos modelos, e conta con efecto bokeh, iluminación de retratos, dobre estabilización óptica de imaxe e flash True Tone de catro LEDs. Na frontal temos unha cámara de 7 megapíxeles con apertura f/2.2 e retina flash.

Leva recoñecemento facial Face ID e batería con carga sen fíos Qi e carga rápida (50% en media hora). Ademais, como novidade, leva resistencia á auga segundo o estándar IP68 (até 2 metros de profundidade durante 30 minutos).

De querer facerse cun deles, debedes saber que os iPhone XS e iPhone XS Max poderanse mercar en tres cores (dourado, gris espacial e prata) e tres capacidades (64, 256 ou 512 GB). Pódense reservar a partir do 14 de setembro a un prezo de partida para a versión de 64 GB de 1159 euros (iPhone XS) ou 1259 euros (iPhone XS Max).

iPhone XR, a versión “económica” e colorida

Ademais dos iPhone XS e iPhone XS Max, Apple tamén anunciou o iPhone XR, o modelo máis económico dos presentados hoxe. Aínda así, temos que ser conscientes de que segue a ser un trebello de gama alta, polo que o seu prezo de partida tamén o é: 859 euros na versión de 64 GB de memoria interna.

O iPhone XR leva unha pantalla Liquid Retina HD de 6,1 polgadas (1792 x 828 píxeles, 326 píxeles por polgada) e o novo chip A12 Bionic, con aprendizaxe neuronal. Ten certificación IP67, o que permite somerxementos de até 1 metro de profundidade durante un máximo de 3o minutos.

No aspecto fotográfico, a cámara principal é de 12 megapíxeles con gran angular e apertura f/1.8, e está acompañada dun flash True Tone de catro LED con sincronización lenta. Así mesmo, pode gravar en 4K a 24, 30 ou 60 fps. Do outro lado, na parte de diante temos unha cámara de 7 megapíxeles con apertura f/2.2 e modo retrato con efecto bokeh avanzado e control de profundidade.

Ao igual ca o iPhone X, e os novos XS e XS Max, carece de lector de pegadas dixitais, apostando polo recoñecemento facial Face ID. Leva NFC para pagos móbiles e unha batería non especificada con carga rápida (50% en 30 minutos) e carga sen fíos Qi. Como sistema operativo leva iOS 12

Existen tres versións do dispositivo atendendo á capacidade da memoria interna (64, 128 ou 256 GB), e seis de falamos de cores: negro, branco, amarelo, vermello, azul e coral), e poderá reservarse a partir do 19 de outubro.

Sobre o autor

Reply