Lenovo lanza a primeira tablet “Android Go”

Varios meses atrás Google anunciou Android Go, unha versión do sistema operativo Android moito máis lixeira, destinada a mellorar a experiencia software en modelos de gama baixa ou cunha especificacións sinxelas. Aínda que nun primeiro momento todo facía indicar que se trataba dunha solución para smartphones, Lenovo foi o primeiro fabricante en lanzar unha tablet que emprega esta versión.

A Lenovo Tab E7 é un modelo que conta cunha pantalla de 7 polgadas con resolución 1024 x 600 píxeles e 250 nits de brillo. No seu interior alberga un procesador MediaTek MT8167, de catro núcleos a 1,3 GHz, xunto con 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

A súa batería é semellante á dun móbil, concretamente de 2750 mAh de capacidade, e segundo indica o fabricante pode achegar até 5 horas de reprodución de vídeo. En canto ás cámaras, a traseira é de 2 megapíxeles, mentres que a frontal queda nuns simbólicos 0,3 megapíxeles.

Porén, o máis relevante desta tablet témolo, como xa avanzamos, no software, ao vir con Android 8.1 Oreo (Go Edition), o que fai que a experiencia non chegue a ser tan mala como cabería agardar dun produto con esa folla de especificacións. Pero non debemos esperar marabillas, pois é un produto que unicamente poderíamos considerar se buscamos algo para navegar por Internet ou consultar cousas nas redes sociais.

Se falamos de prezos, a nova Lenovo Tab E7 chega ao mercado por 69,99 dólares, e está previsto que se comercialice en varios países a partir do mes de outubro.

Sobre o autor

Reply