Xiaomi anuncia un novo smartwatch con NFC e sensor de ritmo cardíaco

O fabricante chinés Xiaomi vén de anunciar o lanzamento dun smartwatch, o Huami Amazfit Verge, un modelo que mellora os modelos previos da marca ao engadir chip NFC, para permitir os pagos móbiles, e un sensor de ritmo cardíaco.

O trebello incorpora unha pantalla AMOLED circular de 1,3 polgadas con resolución 360 x 360 píxeles, protección Gorilla Glass 3 e 43 milímetros de diámetro. Así mesmo, dispón de conectividade Bluetooth 4.0+ BLE e WiFi, así como resistencia ao pó e auga segundo o estándar IP68.

O procesador é un modelo de dous núcleos a 1,2 GHz, e está acompañado con 512 MB de memoria RAM e 64 GB de capacidade interna. Dispón de sensor xeomagnético, sensores de presión, ubicación por GPS e GLONASS e NFC para os pagos móbiles.

O apartado enerxético foi un dos máis coidados polo fabricante chinés, chegando a ofrecer até 5 días de autonomía. E se falamos do software temos que salientar a integración de Xiao Assistant, o asistente de Xiaomi, que é compatíbel con MIJIA Smarthome, unha aplicación que permite controlar até 11 aparellos diferentes de fogar dixital.

Dispoñibilidade e prezo

O Huami Amazfit Verge xa está dispoñíbel para poderse mercar na China por uns 120 euros ao cambio de moeda. Polo de agora non está confirmado que vaia chegar ao noso país, aínda que tendo en conta o proceso de expansión que está a ter a marca non sería descartábel.

Sobre o autor

Reply