O LG V40 chegará con cinco cámaras

O próximo 3 de outubro LG dará a coñecer o LG V40, o próximo terminal de gama alta da compañía, que segundo desvelaron as imaxes filtradas por OnLeaks, contará cun total de cinco cámaras, tres situadas na parte traseira e dúas pola parte de diante.

Como xa ven sendo habitual nos dispositivos deste ano, o novo trebello de LG aposta polo “todo pantalla” frontal e notch na parte superior, onde se sitúan as dúas cámaras frontais. Na parte traseira temos tres sensores, un principal, outro para o gran angular polo que LG leva apostando un par de anos e un terceiro do que aínda non temos información sobre que fará, aínda que todo apunta a que será un zoom semellante ao do P20 Pro de Huawei.

Se nos centramos nas súas especificacións, nas últimas horas tamén foi descuberta a súa folla de características, comezando pola pantalla, que será de 6,4 polgadas e contará con resolución QuadHD+ (2K, 3120 x 1440) e ratio 18:9. O procesador é o Qualcomm Snapdragon 845, algo no que non hai sorpresas, e teremos 8 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. A batería quedará nos 3.300 mAh de capacidade.

Nos acabados destaca o uso do cristal, o que permitirá implementar a carga da batería sen fíos. Así mesmo, tamén levará conector USB tipo C 3.1 e jack de auriculares. Especúlase que o seu prezo de partida sexa duns 799 euros, información que coñeceremos o día da súa presentación.

Sobre o autor

Reply