Acabouse o papar frío: velaí a chaqueta con calefacción de Xiaomi

Temos comentado en varias ocasións – e moitas de vós puidéstelo comprobar na tenda aberta hai escasos días na Coruña – que Xiaomi non é un mero fabricante de móbiles, senón unha compañía de solucións tecnolóxicas para a vida cotiá. Un bo exemplo é o produto do que hoxe queremos falarvos, unha chaqueta con calefacción integrada.

A Xiaomi 90 Minute Jacket, nada dun proxecto de financiamento colectivo, é unha chaqueta que integra un sistema de calefacción electrónico capaz de manter a calor no corpo, desde o pescozo e baixando por todo o lombo, grazas a un total de 90 seccións de nanotubaxes de carbono equipados con tecnoloxía Heatex.

Para darlle enerxía, a chaqueta conta cunha toma USB dentro dun dos petos, e é preciso enchufarlle unha powerbank para funcionar, que segundo comentan desde a compañía non estaría incluída no prezo. Para activar o sistema de calefacción, basta con accionar un botón situado na parte baixa da prenda.

En canto aos materiais, a chaqueta está fabricada en pluma de ganso nun 90%, e a capa externa está composta por un material que conta con certificación IPX7 capaz de repeler auga e neve lixeira.

Dispoñibilidade e prezo.

A nova chaqueta de Xiaomi estará dispoñíbel na China a partir do próximo 15 de outubro por un prezo que ronda os 75 euros, unha cantidade bastante interesante para unha prenda deste tipo. Chegaremos a vela nalgún momento nas tendas que a compañía está abrindo no noso país e no resto do Estado?

Sobre o autor

Reply