O Oppo Find X carga en 35 minutos grazas á carga SuperVOOC

No Mobile World Congress de 2016 asistimos a unha demo da carga rápida VOOC de Oppo, na que puidemos ver como un prototipo de móbil cargaba os seus 2600 mAh de batería en apenas 15 minutos. Hoxe, dous anos e medio despois, achegámonos a estes tempos en produtos reais, como é o caso do Oppo Find X, un dos últimos modelos deste fabricante chinés.

O Oppo Find X, que vén de ser lanzado no noso país, incorpora entre as súas especificacións a SuperVOOC Flash Charge, que supón unha importante innovación no eido das baterías, ao permitir pasar do 0% ao 100% en tan só 35 minutos, convertindo a batería deste modelo (3400 mAh repartidas en dúas cédulas de 1700 mAh) nunha das que maior rendemento ten de todos os smartphones no mercado actual.

A chegada desta tecnoloxía de carga remóntase a catro anos de investigación, iniciada no 2014, cando a compañía encarou por vez primeira o problema de “consumo rápido, carga lenta” co Find 7, un smartphone que inauguraba a carga VOOC (melloraba catro veces a velocidade de carga).

Porén, na busca de melloras neste sistema de carga, chegou a SuperVOOC, cuxa potencia máxima pode acadar os 50W, soportando unha tensión máxima de carga e corrent de 10V 5A. E para garantir a fiabilidade e a seguridade, a bomba de carga reduce a tensión sobre a mesma, resolvendo tamén os problemas de quecemento durante a carga emdiante a estrutura de carga directa.

Como diciamos ao comezo, o Oppo Find X é o primeiro terminal en incorporar este sistema de carga. Desde hai uns días pode mercarse no noso país, a un prezo de 999 euros a través de MediaMarkt, Movistar, FNC e El Corte Inglés. Pola súa banda, a edición especial Find X Automobili Lamborghini Edition estará dispoñíbel proximamente a 1699 euros.

Sobre o autor

Reply