Orange foi o primeiro dos grandes operadores que traballan no Estado español en ofrecer o servizo de SIM virtual ou eSIM, e Vodafone seguiu os mesmos pasos hai apenas uns días, coincidindo co lanzamento do novo Apple Watch. Os seguintes nesta listaxe serán Movistar e MásMóvil, que xa traballan na chegada da eSIM de cara este inverno.
Segundo adianta El Economista, ambas compañías están a facer avances para lanzar este servizo ou ben antes do Nadal (coincidindo cunha das grandes campañas en facturación) ou ben durante o primeiro trimestre do ano, o que fará posíbel que as usuarias da versión LTE dos reloxos de Samsung, Apple e outras compañías poidan sacarlle todo o partido aos seus trebellos.
Especialmente significativo é o caso de MásMóvil, grupo que alberga marcas móbiles como Yoigo, MásMóvil e Pepephone, polo que imaxinamos que este avance será de aplicación en todas as opcións que as usuarias teñen ao seu dispór. Teremos que agardar aínda unhas semanas para sabelo, mais tamén que farán o resto de operadoras virtuais entre as que se atopan as cableiras como R, cunha forte presenza a nível local.