Tanto no IFA de Berlín de inicios de finais de agosto e comezos de setembro, como nos días seguintes, foron moitos os fabricantes que deron a coñecer novidades no seu portfolio de produtos. Motorola, marca que hoxe pertence a Lenovo, foi unha delas, anunciando o Motorola One Power, un dispositivo destinado ao mercado indio con Android One.
O dispositivo leva unha pantalla de 6,2 polgadas con resolución Full HD+ (2280 x 1080) e formato alongado 19:9. Dentro atopámonos co procesador Qualcomm Snapdragon 636, de oito núcleos a 1,8 GHz e GPU Adreno 509, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 128 GB.
A súa cámara traseira é, como se aprecia nas fotos, dobre, e está formada por un sensor principal de 16 megapíxeles e outro auxiliar de 5 megapíxeles, destinado a potenciar o chamado efecto bokeh ou enfoque selectivo. Por outro lado, na parte de diante temos unha cámara de 12 megapíxeles.
Conta con jack de auriculares, unha batería de gran capacidade (nin máis nin menos que 4850 mAh) con carga rápida TurboPower e lector de pegadas dixitais traseiro. Así mesmo, o sistema operativo é Android 8.1 Oreo (Android One).
Polo de agora o fabricante non ten confirmado o prezo nin a data da súa posta á venda, aínda que semella que será nun prazo curto de tempo. Como diciamos ao comezo do artigo, o máis seguro é que este modelo non saia do mercado indio, mais haberá que estar atentas por se se produce algunha novidade neste tema.