Google anuncia os novos Pixel 3 e Pixel 3 XL

Google celebrou onte a súa keynote “Made by Google”, un evento especial no que anunciou todas as súas novidades en hardware. O máis esperado eran os seus novos smartphones, o Pixel 3 e a súa variante Pixel 3 XL, dos que practicamente xa coñeciamos todos os detalles.

Especificacións dos Pixel 3 / Pixel 3 XL.

Ambos teléfonos comparten a meirande parte das súas características, diferenciándose nas pantallas e na capacidade da batería. O Pixel 3 integra un panel OLED de 5,5 polgadas con resolución 2160 x 1080 píxeles e relación de aspecto 18:9, mentres que o XL acada as 6,3 polgadas con resolución 2970 x 1440 píxeles e formato 19:9.

No seu interior ambos modelos veñen co procesador Qualcomm Snapdragon 845, xunto con 4 GB de RAM e opcións de 64 ee 128 GB de memoria interna, non ampliábeis. Dispoñen de USB tipo C, NFC, resistencia á auga e pó, baterías de 2915 ou 3400 mAh (segundo modelo) e carga sen fíos.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 12 megapíxeles con apertura f/1.8, mentres que a dianteira é unha cámara dobre con sensores de 8 megapíxeles, o secundario gran angular. Sen dúbida o fotográfico segue a ser un dos aspectos máis coidados por Google e nos que sen dúbida destacan, grazas en boa medida ao aprendido na parte software.

O software tamén é outro punto a destacar destes trebellos, xa que veñen con Android 9, unha versión que non presenta grandes novidades na estética pero si que mellora a experiencia do usuario coa chegada dos xestos e Google Duplex, o servizo do que xa falamos hai uns meses que permite chamar por nós para facer reservas de servizos.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos modelos sairán á venda o día 2 de novembro, aínda que xa se poden reservar. En canto a prezos, o Pixel 3 parte dos 849 euros na versión de 64 GB, e 949 € na de 128 GB. Pola súa banda, o Pixel 3 XL con 64 GB custará 949 euros e a versión de 128 GB 1049 €.

Sobre o autor

Reply