Temos comentado moitas veces que unha das grandes vantaxes de Android é que pode funcionar correctamente en todo tipo de dispositivos, desde os smartphones máis punteiros do mercado até trebellos sinxelos. Hoxe queremos falar de Punkt, un teléfono convencional que, a diferenza de outros moitos que podemos atopar no mercado (como os modelos de Nokia ou Alcatel), destaca por vir equipado con Android.
As súas características son moi sinxelas, e pasamos a resumilas na seguinte listaxe:
- Pantalla TFT de 2 polgadas (320 x 240 píxeles).
- Procesador Qualcomm Snapdragon 210.
- 2 GB de RAM
- 16 GB de memoria interna
- Batería de 1280 mAh.
- LTE, WiFin, Bluetooth 3.2
- IP52
- Android 8.1 Oreo
Porén, aínda que leve Android 8.1 a súa interface non lembra en absoluto a un teléfono Android convencional, xa que todo está pensado como se fose un teléfono básico de chamadas e SMS, que o é.
En calquera caso, dispón de funcionalidades que nos parecen interesantes a día de hoxe, como a posibilidade de facer tethering para compartir datos, facendo del un teléfono axeitado para o traballo, xa que pode facer de teléfono para chamadas e achegar conexión 4G a outros dispositivos.
Se estades pensando en facervos con el, debedes saber que o seu prezo é bastante elevado, pois se pode mercar por 329 euros, unha cantidade que se nos antolla un tanto exaxerada para un trebello destas características. Vós que pensades?