Samsung Pay xa está dispoñíbel nos Galaxy Watch, Gear S3 e Gear Sport no noso país

Samsung anunciou esta semana a dispoñibilidade – por fin – de Samsung Pay en varios dos seus reloxos intelixentes, nomeadamente nos Galaxy Watch (anunciados xunto co Galaxy Note9 hai preto de dous meses), nos Gear S3 e no Gear Sport. Amplíanse así as opcións para as usuarias deste sistema de pagos móbiles de Samsung que xa usan máis de 800.000 usuarias no Estado español.

Deste xeito, as usuarias dalgún destes modelos xa poden configurar as súas tarxetas para pagar co reloxo nos establecementos con terminais contactless, que son case todos. Porén, este sistema non está dispoñíbel para todos os bancos, pois a compañía só confirma o servizo para as clientas de CaixaBank, ImaginBank e OpenBank en todos os modelos de smartwatch citados anteriormente, aos que habería que sumar o Santander no caso do Galaxy Watch. Sorprende o caso de Abanca, un dos primeiros bancos compatíbeis con Samsung Pay no móbil, que de momento non ofrece compatibilidade co sistema de pagos de Samsung no reloxo, aínda que o fabricante surcoreano afirma que chegarán “outras entidades bancarias” en breve.

Unha configuración sinxela

A configuración deste sistema de pagos é moi sinxela. Así, as usuarias deberán acceder no móbil á app “Galaxy Wearable” e dentro dela seleccionar Samsung Pay. Será preciso configurar un pin de bloqueo para os pagos e engadir as tarxetas que queiramos empregar no reloxo.

Unha vez cofiguradas, para facer un pago co reloxo debemos premer a tecla “atrás” de xeito prolongado e introducir o PIN. Xirando o bisel poderemos escoller a tarxeta que queremos empregar e logo premer en “pagar” para que se active. O único que queda é achegar o reloxo ao terminal de cobro para efectuar o pagamento.

Sobre o autor

Reply