As que seguides a nosa páxina desde hai máis tempo sabedes que somos bastante fans dos teléfonos que teñen algo “especial”, é dicir, algunha que outra característica ou funcionalidade diferenciadora. Ente eles, loxicamente, están sempre os teléfonos robustecidos, deseñados para sobrevivir ás condicións máis extremas.
Polas nosas mans vén de pasar o primeiro teléfono de Land Rover. A compañía, coñecida sobre todo polos seus vehículos todoterreo, non podía facer outra cousa que non fose un teléfono pensado para a aventura. Ese é o Land Rover Extreme, un trebello que no noso país comercializa Vodafone en exclusiva. Vexámolo máis a fondo.
Deseño, acabado e conexións
O Land Rover Explore non engana a ninguén. Cando o ves xa sabes que se trata dun teléfono robustecido. É groso (14 mm), ten uns marcos bastante contundentes (especialmente na parte superior e inferior, onde superan o centímetro) e pesa 232 gramos.
No lateral esquerdo sitúa todos os botóns físicos que atopamos no trebello, tendo por riba os controis de volume e abaixo o de acendido, e no esquerdo a bandexa extraíbel para a tarxeta SIM de datos. Na parte superior está o conector de audio jack 3.5 mm e na inferior unicamente o punto de carga por USB tipo C.
Se miramos ao teléfono de fronte vemos que na parte inferior, temos un altofalante, protexido por unha rexilla que lembra á dos motores dun todoterreo Land Rover. Do outro lado, na parte de atrás está a cámara co seu flash, o logo gravado e catro conectores magnéticos aos que se pega o Adventure Pack, do que xa falaremos a continuación.
Adventure Pack
Un dos aspectos máis interesantes deste teléfono é que chega cun “Adventure Pack”, un módulo que se conecta á parte traseira do dispositivo a través duns conectores magnéticos. Trátase dunha batería externa de 3.600 mAh de capacidade e dunha antena GPS, tamén externa, que mellora con creces a precisión da ubicación, ideal para o uso en aventura.
Por outro lado, este pack complétase cunha carcasa (incluída tamén no pack de venda) para albergar o teléfono co módulo de batería e GPS externo, que dispón de conexión para un mosquetón (tamén incluído)
Hardware e rendemento
O Land Rover Explore leva un procesador MediaTek MT6797 Helio X27 de 20 nanometros. Trátase dun chipset decacore, con 2 núcleos a 2,26 GHz, catro a 2 GHz e outros 4 a 1,6 GHz. Está acompañado dunha memoria RAM de 4 GB e 64 GB de memoria interna, ampliábeis por tarxetas microSD de até 256 GB.
Dispón de dual SIM (a bandexa da segunda SIM é a mesma que a que emprega a tarxeta microSD, polo que debemos elixir unha ou outra cousa) e GPS (A-GPS, GLONASS, BDS), mellorado co Adventure Pack. O USB é de tipo C 2.0, leva radio FM e NFC para poder facer pagos móbiles con el.
Pantalla
A pantalla é un panel IPS LCD de 5 polgadas con resolución 1080 x 1920 píxeles (441 píxeles por polgada) e unha relación de aspecto 16:9. Está protexida mediante Corning Gorilla Glass 5, unha solución que a protexe dos golpes e das rabuñadas habituais no uso ao que vai dirixido o teléfono.
Entre as súas características tamén destaca o nível de brillo, co que se consegue unha visualización axeitada ao aire libre, aínda estando en entornos con moito sol. Isto é relevante en calquera terminal, pero se falamos dun dispositivo que vai ser usado maioritariamente en exteriores é imprescindíbel.
En xeral as cores represéntanse bastante ben, se ben é certo que os negros non se representan “tan escuros” como noutro tipo de pantallas. Por último, se falamos dos ángulos de visión, temos que a amplitude conseguida é realmente boa, o que permite un uso compartido máis cómodo, algo que – novamente – é bastante interesante para o uso en actividades exteriores.
Cámara
A nível fotográfico temos unha cámara principal de 16 megapíxeles, con enfoque láser e flash LED dual, mentres que na parte dianteira hai unha cámara de 8 megapíxeles para selfies. Como era de agardar, este non é o punto máis forte do dispositivo, aínda que resolve bastante ben en case todas as situacións.
Con boa luz, as fotos en amplitude teñen un resultado bastante positivo, aínda que se fotografamos cousas con moito detalle atopámonos un pequeno ruído. Con pouca luz, reproduce os detalles con bastante difinición, aínda que en ningún caso está á altura de outros modelos do seu rango de prezos máis orientados ao consumo global.
En canto á gravación de vídeo, temos unha calidade máxima de 1080p e 30 fps. E se falamos da cámara de selfies, os resultados son bastante bos, dentro das marxes que comentamos.
Software
A nível de software, o teléfono vén de fábrica con Android 7.1.1 puro, e polo de agora non hai información sobre a chegada dunha posíbel actualización a Android 8 ou 9. En calquera caso, si que está a recibir todos os parches de seguridade, o último no mes de outubro.
Malia ter esta experiencia limpa en canto á interface, o certo é que o trebello vén con bastantes aplicacións preinstaladas. Algunhas delas son as típicas que as usuarias adoitan instalar en todos os trebellos, como WhatsApp ou Facebook, e outras que están orientadas a sacarlle todo o partido a un teléfono robustecido con actividades ao aire libre. Por poñer algún exemplo temos a aplicación de geocaching, Strava e ViewRanger ou Sky Map, para saber que estrelas estamos a ver cando miramos ao ceo.
Así mesmo, tamén incorpora o un “Explore Hub”, unha aplicación propia que categoriza ducias de apps orientadas tamén ás actividades deportivas e ao aire libre. Malia que este “hub” ten unha interface moi semellante a unha tenda propia, á hora de instalar unha app lévanos á Play Store para que a descarguemos desde aló.
Batería
A batería ten 4000 mAh de capacidade, o que lle dá unha autonomía que pode chegar no mellor dos casos ao día e medio ou dous días para uso básico. Porén, cando sacamos partido ás súas funcionalidades no terreo da aventura esta autonomía redúcese ao día ou mesmo queda por baixo del. Porén, temos a sorte de que vén equipado co Adventure Pack, que fai tamén de powerbank e engade 3600 mAh de carga adicionais.
En canto aos tempos de carga, o teléfono chega ao 100 % da batería en menos de 2 horas. O Adventure Pack debe cargarse de forma separada, xa que conta con conexión USB-C propia para enchufarlle directamente o cargador.
Conclusións
Logo dun mes con probas intermitentes, o Land Rover Explore pareceunos un dispositivo con máis pros que contras dentro do mundo dos teléfonos robustecidos.
No apartado dos puntos positivos temos que destacar a súa estrutura modular, moi cómoda para diferenciar o uso máis aventureiro co máis convencional (pensando na parte GPS do Adventure Pack), mais tamén á hora de integrarlle a batería externa, xa que poñerlle o Adventure Pack é moito máus cómodo que enchufarlle un powerbank externo. Así mesmo, no saco dos aspectos positivos destaca a pantalla, cunha calidade de visión óptima para o seu uso en exteriores, o escenario ao que vai dirixido o trebello.
Do outro lado, quizais o aspecto “menos positivo” sexa o da duración da batería de por si. Se ben é certo que o Adventure Pack fai esa función de “suplir” a carencia de batería interna nese momento no que usamos o teléfono en ruta, agradeceríase ter un pouco máis de autonomía para non ter que engadir máis no móbil se nese momento non precisamos do módulo GPS.
Como resumo poderíamos dicir que o trebello é unha gran opción para o público que busca un terminal que o aguante todo. Quizais o seu prezo sexa algo elevado para algunhas das características que integra, mais aquí tamén cremos que se paga a calidade dos acabados, e certamente están a altura das mellores opcións da competencia directa, como poden ser os modelos de CAT.
O Land Rover Explore pode mercarse en exclusiva a través de Vodafone por 575 euros, aínda que se pode pagar a prazos sen xuros segundo a táboa de tarifas que podedes atopar nesta ligazón.