Xiaomi celebra un ano no estado co lanzamento do Mi 8 Pro e Mi 8 Lite

Aproveitando o aniversario da súa presenza no estado español, Xiaomi anunciou onte a chegada de dous novos modelos da serie Mi 8, o Xiaomi Mi 8 Pro e o Xiaomi Mi 8 Lite. Ademais, o cumpreanos serviu para sacar peito e adiantar que, no que vai de ano, conseguiron superar a liña do millón de unidades pedidas (ollo, as suministradas aos distribuidores, non as vendidas), situándose na terceira posición do mercado de smartphones por unidades pedidas, segundo os datos da consultora Canalys.

Ademais, Xiaomi abriu neste tempo un total de 15 Mi Stores autorizadas e 8 Mi Stores Exclusivas (unha delas na Coruña) e conseguiu introducirse en Alcampo, AliExpress Plaza, Amazón, Carrefour, El Corte Inglés, Eroski, FNAC, Media Markt, Phone House e Worten, así como nas operadoras Vodafone, Movistar e Yoigo.

Sobre os novos dispositivos, o Mi 8 Pro é unha versión vitaminada do Mi 8, que leva como principal novidade a incorporación do lector de pegadas dixitais baixo a pantalla. Ademais, conta cunha traseira de vidro transparente que expón unha cuberta decorativa feita a man con compoñentes electrónicos, o que achega un aspecto frikiño moi atractivo.

A súa pantalla é un panel AMOLED de 6,21 polgadas e leva a mesma configuración de cámaras ca o Mi 8, contando cun sensor primario Sony IMX363 con píxeles de 1,4 μm e enfoque automático Dual Píxel. No interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 845, cunha velocidade máxima de 2,8 GHz.

Por outro lado, o Xiaomi Mi 8 Lite é un modelo orientado ás persoas interesadas nos autorretratos, apostando por unha cámara dianteira Sony IMX576 de 24 megapíxeles. Leva un procesador Snapdragon 660, batería de 3350 mAh con tecnoloxía de carga rápida Quick Charge 3.0 e Intelixencia Artificial.

Prezos e dispoñibilidades

O Xiaomi Mi 8 Pro pódese adquirir na configuración 8 GB de RAM e 128 GB de memoria interna por 599 euros, mentres que o Mi 8 Lite chega en dúas versións, unha de 4 + 64 GB por 269 €, exclusiva de Movistar, e outra de 6 GB + 128 GB e 329 euros, que se venderá en todos os puntos de venda autorizados.

Sobre o autor

Reply