Whatsapp permite respostar mensaxes de grupos de xeito privado

Case a diario van aparecendo novas funcionalidades de WhatsApp. A maioría das veces son útiles para a maioría das usuarias e outras… non tanto. Desta volta queremos falarvos da posibilidade que temos para responder unha mensaxe dun grupo, pero de xeito privado. Deste modo podemos facerlle un apontamento a unha persoa en particular sen que o resto de membros do grupo teñan que sabelo.

Para acceder a esta nova funcionalidade precisamos ter instalada a beta 2.18.355. Si, é unha función beta, pero xa aparece como plenamente funcional, polo que pensamos que non ha tardar moito en chegar a unha versión estábel. O xeito de proceder é moi sinxelo:

Como se pode ver na imaxe superior, debemos premer na mensaxe á que queremos respostar e, unha vez seleccionada, premer nos 3 puntiños da marxe superior dereita para despregar tres opcións, sendo unha delas a de responder en privado.

Feito isto, abrirásenos o chat dese contacto no que aparece mencionada a mensaxe e o nome do grupo no que aparece a mensaxe sobre a que imos respostar (para que a persoa teña algo de contexto e saiba de que estamos a falar), e xa podemos facer o comentario de xeito discreto.

Como vedes, o procedemento é ben sinxelo, e de seguro que moitas de vós o atoparedes útil.

Sobre o autor

Reply