O que prepara Huawei para 2019: novas baterías, servizo de pagos, asistente e videoclube

Huawei está a dar moito que falar este 2018 grazas a unha orquestrada campaña de márketing que semella que está a dar os seus froitos. A compañía marcouse hai algún tempo como obxectivo superar a Samsung – líder no segmento dos smartphones – en vendas, e se ben é certo que aínda lle queda un cacho para conseguilo, o que que si fixo foi recurtar distancias.

Como o fixo? Non cabe dúbida que todo o traballo na busca do dispositivo “perfecto” comezou a ter os seus froitos neste 2018 co Huawei P20 Pro e o Mate 20 Pro, trebellos que por primeira vez poden medirse de ti a ti cos gama alta de Samsung e Apple, especialmente en fotografía, onde até o de agora ficaban sempre varios pasos por detrás. Estes modelos top, que chegaron con modelos derivados, campañas publicitarias millonarias, agasallos de todo tipo de accesorios (smartwatches, baterías externas, auriculares sen fíos…), rebaixas de centos de euros… serviron para mellorar, e moito, a imaxe da marca.

Porén, o usuario medio non vai por eses modelos “tope de gama”, senón pola súas versións derivadas “lite”, que nada teñen que ver cos principais máis aló do nome. Así, o P20 Lite é un dos modelos máis populares no mercado, se se sumamos a inundación de dispositivos de baixo custe (Y5, Y6, Y6 Pro, Y7, Y9….) e gama media(P Smart, P Smart Plus, P20 Lite, Mate 20 Lite…) temos todos os ingredientes para o éxito: efectivamente, Huawei este ano vai vender moitos teléfonos, pero practicamente todo gama baixa e media.

Seguirá na mesma liña no 2019? Aínda é cedo para sabelo, pero a resposta é que seguramente si. En calquera caso, e máis aló das vendas, Huawei tamén se marcou como obxectivos introducir novos servizos e seguir avanzando nalgúns aspectos dos seus teléfonos. Vexámolos.

Baterías

Xa temos falado de que Huawei está a traballar bastante no aspecto das baterías, un elemento dos nosos smartphones que moitas veces os fabricantes deixan algo abandonado. Neste senso, non se trata unicamente de que teñan máis capacidade, senón tamén de que se poidan cargar moito máis rápido.

Mantendo coma principal elemento o ión-Litio, aparece agora o silicio, un compoñente que deixa pasar máis cantidade de carga ca o grafito que se emprega actualmente, ao tempo que mellora a vida útil da batería. Xunto a este cambio de compoñentes, Huawei vén de patenter unha cuberta de carbón nitroxenado en forma de rede 3D para mellorar a conductividade e aumentar así a corrente, mentres diminúe a voltaxe, mellorando así a velocidade de carga aínda máis.

Huawei Assistant

Quen non vai ter o seu asistente? Se ben é certo que Google Assistant, Siri (Apple) e Alexa (Amazon) son os tres asistentes “universais”, cada fabricante está a desenvolver o seu propio. Vímolo con Samsung e Bixby, e agora temos a confirmación de que Huawei tamén traballa no seu propio asistente de intelixencia artificial.

Deste modo, o fabricante chinés pretende prescindir, en certa medida, de Google Assistant, para ofrecer ás usuarias da marca un servizo semellante no camiño de construír un ecosistema propio na casa, con asistente, teléfono, ordenador, router e outros dispositivos hardware nos que traballa a compañía.

Huawei Pay

Por outro lado tamén foi anunciada a chegada de Huawei Pay, o sistema de pagamentos móbiles de Huawei. Chegará a diversos países europeos, mais polo de agora non foron especificados. Tampouco foi concretado se será un servizo universal semellante ao que foi nalgún momento Vodafone Wallet ou unha plataforma similar a Samsung Pay, Google Pay e Apple Pay, no que os acordos son por bancos.

Huawei Video

O ano que vén tamén será interesante para as usuarias de Huawei Vídeo, o servizo de streaming de Huawei (lanzado en setembro no noso país). A idea é que chegue a máis países e se engadan novos contidos. Actualmente o servizo ofrece unha selección de máis de 4000 títulos con producións internacionais e ten un prezo mensual de 4,99 euros.

Sobre o autor

One Response

  1. André 25 Novembro, 2018 Responder

Reply