O Samsung Galaxy A9 xa se pode mercar por 599 €

Samsung vén de anunciar a posta á venda no noso país do novo Galaxy A9, o novo dispositivo da marca surcoreana, que chega a tempo para a campaña de Nadal. O trebello destaca principalmente polas súas catro cámaras traseiras, aínda que tamén por chegar en tres vistosas cores degradadas.

Como é de imaxinar, cada unha destas catro cámaras ten a súa función específica, pasando por ser tele obxectivo, gran angular ou axudar a mellorar o chamado “efecto bokeh”. Deste modo, aquelas usuarias que presten atención ao apartado fotográfico atoparán neste modelo un grande aliado. Indo xa ao concreto, na parte traseira temos unha cámara formada por catro sensores: un principal de 24 Mpx con f/1.7, outro de 8 Mpx con f/2.4 (gran angular), un terceiro de 10 Mpx con f/2.4 (telefoto) e o último de 5 Mpx con f/2.2 (profundidade). A cámara frontal é de 20 megapíxeles con apertura f/2.0.

Máis aló do apartado fotográfico, o Samsung Galaxy A9 leva unha pantalla de 6,3 polgadas con resolución FHD+ (1080 x 2220 píxeles) e tecnoloxía Super AMOLED, o que proporciona un alto nível de contraste. No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 660, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábel mediante tarxetas microSD de até 256 GB de capacidade. A súa batería é de 3800 mAh de capacidade, compatíbel coa carga rápida.

Como avanzamos no titular do artigo, o Samsung Galaxy A9 xa se pode mercar no noso país, como sempre a través dos puntos de distribución habituais da marca (Media Markt, El Corte Inglés, Phone House…) por 599 euros no mercado libre. Chega en tres cores (rosa – bubblegum pink, negro – caviar black e azul – lemonade blue), todas elas degradadas

Sobre o autor

Reply