Fíltranse os supostos renders do Samsung Galaxy S10

A comezos de ano, seguramente durante – ou arredor – do Mobile World Congress de febreiro, Samsung anunciará o seu novo buque insignia, o Galaxy S10. Se o lanzamento dun novo membro da familia Galaxy S sempre é un acontecemento, nesta ocasión estamos a falar da décima versión, e polo tanto dun dispositivo moi agardado.

Como era de prever, a estas alturas xa temos as – supostas – primeiras imaxes en forma de render, que nos achegan varias chaves no que ten que ver coas súas características e, sobre todo, o seu deseño.

A primeira das novidades é que Samsung segue fuxindo do notch, e para iso aposta por unha solución propia chamada Infinity O-Display, o que vén a ser unha pantalla furada para deixar oco á cámara frontal (ou cámaras, no caso da versión “plus” do S10).

Doutra banda tamén nos sorprende que segue mantendo o jack de audio de 3.5 mm, algo que outros fabricantes como Huawei, Apple ou Google xa eliminaron. Así mesmo, na parte traseira atopámonos con catro cámaras (cando menos nalgunha das versións), e unha distribución de cor en forma de gradiente, algo que xa vimos no Galaxy A9 que se puxo á venda recentemente no noso país.

Haberá que agardar aínda unhas semanas para coñecer todos os detalles do novo terminal de referencia de Samsung, que segundo algunhas informacións podería chegar en catro versións: Galaxy S10, Galaxy S10 Lite, Galaxy S10 Plus e unha cuarta versión con soporte para as redes 5G.

Sobre o autor

Reply