O pasado mércores Canadá anunciou a detención de Meng Wanzhou, vicepresidenta e – máis ca probábel – herdeira do imperio chinés Huawei, acusándoa de violar as sancións de Estados Unidos sobre Irán. Foi un capítulo máis dentro dos problemas que están a ter os fabricantes chineses, nomeadamente Huawei e ZTE, en numerosos países, onde se está a prohibir o seu uso e dificultar a súa venda.
Estados Unidos xa prohibira en agosto o uso de dispositivos e tecnoloxías de Huawei e ZTE polo goberno, organismos oficiais e entidades que colaboran con estas, unha medida que tamén tomaron países como Nova Zelanda, Reino Unido e Australia. Agora é Xapón quen se suma a este bloqueo para protexerse das ameazas de seguridade que, segundo din, atopan nos terminais destas empresas.
Os países que forman parte da Unión Europea poderían ser os seguintes en construír ese “muro” contra as empresas tecnolóxicas chinesas ante o temor a que China poida facerse con información confidencial da estrutura europea e os seus cidadáns. Haberá que ver como avanza o tema nas próximas semanas.