Se sodes posuidoras dun bq Aquaris X2 ou Aquaris X2 Pro estades de noraboa, xa que a compañía vén de abrir o programa de betatesters de Android 9 – Pie para estes dous modelos, incluídos dentro do programa Android One, que asegura até 3 anos de soporte de software (2 anos de versións e 3 anos de seguridade).
Actualmente menos do 0,1% de smartphones do mundo teñen recibido Android 9, polo que as persoas que se apunten a este programa beta serán das primeiras en disfrutalo. En calquera caso, cómpre lembrar que as versións beta son versións de proba, polo que poden dar certos erros que serán solucionados grazas, precisamente, ás aportacións que fagan os betatesters antes de lanzar a versión final.
Actualmente bq mantén aberto o programa beta para diversos modelos e versións: no caso dos U Lite, U, U Plus, U2 Lite, U2, V e V Plus estase a probar Android 8 Oreo, mentres que Android 9 Pie só está dispoñíbel, actualmente, nos X2 e X2 Pro.
Para participar destes programas beta é preciso inscribirse. Toda a información sobre este tema está dispoñíbel no blog de bq.