Honor, a segunda marca de Huawei, vén de anunciar o lanzamento dun novo terminal, o Honor View 20. Trátase dun modelo que aposta por tres características: cámara, pantalla infinita e tecnoloxía Link Turbo.
No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 48 megapíxeles (sensor Sony IMX586), o que promete obter moitos máis detalles nas nosas fotos a pesar de empregar o zoom. O procesado das imaxes faise grazas ao ISP dual e á NPU dual do procesador que leva, o Kirin 980.
A cámara frontal atópase incrustrada na pantalla, converténdose nun dos primeiros teléfonos que inclúe esta evolución do molesto “notch” ou cella que Huawei, ao igual que outros fabricantes Android, incorporou aos seus modelos copiando a estratexia de Apple.
Por último, o novo teléfono de Honor lanza o que chama Link Turbo, unha tecnoloxía que analiza automaticamente os modelos de uso das usuarias e as condicións de rede para cambiar entre as redes WiFi e 4G ou combinar ambas para aumentar a velocidade de descarga.
Para coñecer todos os detalles do novo teléfono de Honor aínda imos ter que esperar un tempo, xa que non será até o 22 de xaneiro cando sexa presentado en Europa. Porén, a súa presentación en China, baixo a denominación Honor V20, será o próximo día 26.