Archos anuncia a súa nova tablet Oxygen 101 S

Archos vén de anunciar a ampliación da súa gama de tablets Oxygen, a Archos Oxygen 101 S, un modelo cunhas especificacións interesantes que mantén a tradición do fabricante francés de ofrecer uns prezos moi axustados.

O trebello vén equipado cunha pantalla LCD de 10,1 polgadas con resolución FullHD e no seu interior alberga un procesador MediaTek Helio X20 – de dez núcleos – xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de almacenaxe interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD. A súa batería fica nos 6.000 mAh de capacidade.

A tablet tamén está equipada de conector USB – C e tamén conector POGO para accesorios propios, como unha estación de traballo ou un teclado. Leva lector de pegadas dixitais e tamén conectividade 4G – LTE.

Como sistema operativo, vén de serie con Android 9.0 Pie, con todas as súas novas funcionalidades, entre as que tamén temos a navegación por xestos.

Dispoñibilidade e prezos

A nova tablet Archos Oxygen 101 S estará dispoñíbel ao longo do primeiro trimestre de 2019 por 149 euros, un prezo realmente interesante para un trebello con esta folla de especificacións.

Sobre o autor

Reply