VSmart adianta dous posíbeis modelos de BQ

BQ afronta un novo camiño tras a entrada de Vingroup na empresa, que como xa adiantamos suporá o aumento da produción de smartphones ao contar coa súa propia factoría. Ademais, o acordo selado entre ambas firmas implica a comercialización dos teléfonos de BQ baixo a denominación VSmart no continente asiático.

Precisamente a posta de longo da marca vietnamita VSmart fíxose cunha presentación de catro dispositivos: Active 1, Active 1 Plus, Joy 1 e Joy 1 Plus. Dous deles son terminais que xa coñecemos por estes lares, concretamente o Active 1 e o Joy 1, que no noso país correspóndense cos BQ Aquaris X2 Pro e BQ Aquaris C, respectivamente. Porén, os outros dous son teléfonos xenuínos, que seguramente se correspondan con modelos que máis cedo que tarde veremos no catálogo de BQ, aínda que con outra denominación.

Active 1 Plus

O Vsmart Active 1 Plus é un modelo de pantalla de grande formato, e o primeiro en incorporar o notch. Leva un panel IPS LCD de 6,18 polgadas con resolución FullHD (2280 x 1080 píxeles).

No seu interior alberga o procesador Qualcomm Snapdragon 660, o mesmo que leva o actual X2 Pro, aínda que neste caso acompañado de 6 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico atopámonos un sensor dobre formado por unha lente principal de 12 megapíxeles con apertura f/1.8 e un secundario de 20 megapíxeles, mentres que na parte frontal temos unha cámara de 20 megapíxeles con f/2.0.

Dispón de lector de pegadas dixitais situado na parte traseira, USB C, WiFi de dobre banda e unha batería de 3650 mAh con carga rápida Quick Charge 3.0.

VSmart Joy 1 Plus

Pola súa banda, o VSmart Joy 1 Plus é un modelo máis modesto, pero que tamén aposta por incorporar unha pantalla de grandes dimensións e unha batería de gran capacidade.

Leva un panel de 6,18 polgadas con resolución HD (1520 x 720 píxeles), e no seu interior o procesador Qualcomm Snapdragon 430, con 32 GB de memoria interna (ampliábeis) e 3 GB de memoria RAM.

A cámara principal está formada por un sensor dobre de 13 e 2 megapíxeles, e a frontal é de 16 megapíxeles con apertura f/2.0, e a batería de 4000 mAh.

Chegarán estes modelos ao catálogo de BQ? Teremos que estar atentas aos movementos da empresa nas próximas semanas, xa que seguramente teñamos novidades ao respecto.

Tags:

Sobre o autor

Reply